El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

Feijóo: "Galicia pode mellorar economicamente aínda máis do que estamos mellorando"

10-02-2016 14:00:01

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe, no Parlamento, o maior crecemento da economía galega desde 2008: cun paro que diminúe, cun récord de exportacións, cun índice de produción industrial superior ao de España e cunha baixada de impostos. 

Lonxe de estar satisfeito, Feijóo reiterou, en resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, o compromiso do Goberno galego para seguir traballando e mellorando a situación. “Cremos que Galicia pode mellorar economicamente aínda máis do que estamos mellorando. Hai máis de 220.000 persoas que seguen na crise, na crise económica do paro”, dixo, incidindo en que “este é o decálogo que está a levar a cabo o Goberno galego: a economía crece; baixa o paro; sobe a afiliación; soben as exportacións; sobe a produción industrial; sobe a venda do comercio polo miúdo; sobe a confianza do consumidor; e baixan os impostos e, desde principios deste ano, os galegos non pagamos polo imposto de sucesións”.   

Durante a súa intervención, o titular da Xunta precisou que os últimos datos da EPA indican que en Galicia se volve a crear emprego, diminúe o paro e que “tanto o emprego como o paro teñen mellor comportamento que a media do Estado”. “Segundo a EPA –salientou-, o aumento da ocupación en Galicia no ano 2015 foi de 32.100 persoas e a baixada do paro é de 41.100. O paro rexistrado baixa máis que en España, un 8,7 fronte a un 8,3 en España. O IPI galego é superior ao de Estado –cun incremento do 4,1 fronte ao 3,2 en España-. Galicia é a cuarta comunidade onde máis sobe o índice de vendas do comercio polo miúdo. A confianza empresarial sobe máis que en España  e a confianza do consumidor en Galicia é tamén mellor que no resto do Estado. E, hoxe temos máis afiliados á Seguridade Social que no ano 2015, 2014 e 2013”. 


Compromiso cos sectores produtivos de Galicia 

Feijóo garantiu tamén o compromiso da Xunta cos sectores produtivos galegos, “para que sexan capaces de xerar emprego e riqueza”. E, nesta liña, referiuse ao sector naval, ao sector da automoción, ao sector pesqueiro ou ao sector lácteo: “Hoxe hai traballo no sector naval en Galicia. Queremos unha lei co sector para dar seguridade xurídica no eido da acuicultura e o que fixemos no rural foi poñer impostos cero para transmitir parcelas, permutar parcelas e adquirir parcelas sen impostos”, precisou. 

No tocante á automoción, Feijóo lamentou a postura de AGE que impediu onte martes que se puidese debater a emenda a un dos artigos da Lei do solo, que solucionaría os problemas urbanísticos de PSA Peugeot-Citröen e que afectan os proxectos de futuro da factoría. 


Ence

Así mesmo, o titular da Xunta referiuse ademais á situación de Ence, subliñando que a papeleira acaba se asumir “unha gran débeda con Pontevedra cidade, Pontevedra comarca e con Galicia no seu conxunto”. 

Sobre este punto, Feijóo destacou que ademais de esixirlle á papeleira que cumpra os investimentos previstos, que manteña o emprego previsto e que cumpra ano a ano e mes a mes as normativas medioambientais; “imos esixirlle algo máis: que siga cumprindo por riba dos límites legais a normativa medioambiental europea, que faga investimentos no eido do sector forestal e que traia novos proxectos industriais á comarca e a Galicia”. 

Feijóo salientou que, ata o de agora, o Goberno galego actual fixo o mesmo que a Xunta do bipartito: comprobar se cumpren os compromisos medioambientais. “Vostedes –recordou- o acreditaron na declaración de impacto ambiental de 2008 e nós volvemos acreditalo agora. O que fixo a Xunta do bipartito e a Xunta actual é exactamente o mesmo: ver se cumpre ou non cumpre as normativas”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias