El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O COPG lembra que a dominación e o control, as manifestacións máis comúns de violencia machista

11-02-2016 16:52:08

A dominación e o control da parella son dúas das manifestacións máis habituais da violencia contra a muller e a vía de inicio de maltrato psicolóxico e físico, lembra o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Esta institución que reúne a todas as psicólogas e psicólogos galegos considera preciso facer esta afirmación, a raíz da polémica suscitada pola curtametraxe promocional da empresa El Corte Inglés titulado "Equis o corazón" para a súa campaña de San Valentín, que constitúe un magnífico exemplo do que é a dominación e o control nas parellas, unha das manifestacións máis habituais da violencia de xénero.

No devandito vídeo, un mozo tenta controlar as actitudes dunha moza coa que está nunha fase inicial da relación, reprochándolle os seus comportamentos nas redes sociais. Finalmente, a moza comprométese a "controlarse", textualmente. Se pode extraerse unha consecuencia positiva da campaña é que foi tal o volume de críticas dirixidas á empresa pola campaña que se viu na obriga de retiralo en menos de 24 horas. É dicir, que a conciencia social vai máis alá das consignas publicitarias e a repulsa a este tipo de mensaxes é inmediata; grazas ás redes sociais, a opinión pública pode manifestarse directamente.

Cando as estatísticas da violencia machista son tan reveladoras como sucede na nosa contorna, faise imprescindible que o conxunto da sociedade e os seus axentes, tamén as empresas, se impliquen en loitar contra esta lacra. Deben promoverse modelos de relación afastados do patriarcado, da submisión e do control.

Un estudo do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) publicado en 2015 ofrece cifras a todas luces inquietantes. Unha terceira parte de mozos e mozas de entre 15 e 20 anos consideraba normal exercer un control sobre a súa parella en canto a horarios, as relacións coas súas amizades ou a súa familia. Un control que se estende a temas como os estudos ou o traballo, ou incluso a dicirlles o que poden ou non facer. Ademais, a súa percepción das desigualdades entre os xéneros é menor que a do resto da poboación. Isto indícanos un descoñecemento e unha normalización de comportamentos que non deben ser aceptados e que nos conducen a un contexto no que a violencia de xénero se xustifica e se tolera, no que se perpetúa a identificación da muller con actitudes abnegadas, submisas e pasivas.

Centrándonos en idades máis temperás, outro estudo ofrece uns datos máis preocupantes aínda: o informe "Jóvenes y género. El estado de la cuestión", publicado polo Centro Reina Sofía en 2015. Un de cada tres varóns de entre 12 e 24 anos xustifica en certo grao as agresións machistas como consecuencia da provocación da vítima, unha proporción que se mantén entre aqueles que cren que a violencia contra a muller pertence ao ámbito familiar e non debe saír de aí. Unha cuarta parte deles opina que se unha muller maltratada pola súa parella non corta a relación é porque non lle desgusta de todo esa situación, mentres que un 31% estima que un bo pai debe facer saber ao resto da súa familia quen manda.

Non debemos minimizar o traballo na loita contra a violencia de xénero na adolescencia, xa que entre os 18 e os 29 anos é cando a cantidade de vítimas se incrementa de forma progresiva, moi especialmente desde os 19 anos. Entre os 12 e os 24 anos, un 5% das mulleres foron agredidas se non facía cousas que non quería, un 3% foi golpeada nalgunha ocasión pola súa parella, un 8% intimidada con frases ou insultos de carácter sexual, a un 4% difundíronlle fotos ou mensaxes por internet ou polo móbil sen o seu consentimento, e a un 6% presionáronas para actividades sexuais que non desexaban practicar. Porcentaxes significativas ás que se unen outras como estas: a un 30% intentárona controlar dicindo por ela ata o máis mínimo detalle, a un 25% intentárona controlar a través do móbil, a un 23% insultárona ou ridiculizárona e a un 22% tentaron illala das súas amizades.

Á luz destas cifras, non podemos deixar de insistir no feito de que a prevención é a mellor ferramenta para poñer fin á violencia de xénero. A figura do psicólogo ou psicóloga educativa é o medio ideal para desenvolver este labor nos centros educativos, traballando aspectos como a educación afectivo-sexual, a igualdade ou a xestión das emocións, unha reivindicación que demandamos desde hai anos desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias