Montevideo
(Uruguai).- O
presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe nun encontro
empresarial na Cámara Oficial Española de Comercio de Uruguai, que a Marca
Galicia se asocia a confianza e estabilidade e situou a Comunidade como un bo
lugar para investir.
“Acuñamos
a Marca Galicia porque é sinónimo de confianza e para que, cando unha persoa
teña un produto galego, saiba que detrás hai un esforzo e un traballo cunha
excelente materia prima”, aseverou, incidindo en que a nosa Comunidade é un bo
lugar para investir porque é unha zona tranquila desde o punto de vista social,
e onde o Goberno ten estabilidade “e é o primeiro que di: as contas cádranme”.
Sobre
este punto, lembrou que a Comunidade galega vén cumprindo desde o ano 2009 o compromiso
de déficit público e neste momento a previsión de déficit para 2016 é o 0,3%,
“é dicir, practicamente un equilibrio da nosa economía”.
Así
mesmo, salientou que somos tamén a única Autonomía que non lle pediu diñeiro ao
Goberno de España para chegar a fin de mes; “e colocamos a nosa débeda pública no mercado
bancario con normalidade porque os bancos se fían da solvencia da comunidade”
dixo, ao que engadiu que todo isto leva unha serie de beneficios como: ser a
segunda comunidade, xunto con Madrid, que menos incrementou a débeda pública
durante a recesión económica; e que a
débeda pública estea seis puntos en termos de PIB por debaixo da media da
débeda pública das comunidades de España, o que supón menos gastos financeiros
e máis capacidades para investir.
Logo
de referirse tamén a que no ano 2015 o investimento con cargo ao orzamento
autonómico foi aproximadamente de 500 euros por habitante, fronte aos 260 euros
por habitante de media do resto das comunidades, e que o paro está catro puntos
por debaixo da media do Estado; o
titular da Xunta destacou a eliminación do Imposto de sucesións e doazóns para
o 99% dos galegos “e, no eido rural xa non se pagan impostos por comprar, por
vender ou por permutar”.
Por outra banda, afirmou que Galicia conta
con infraestruturas de primeiro nivel, tanto desde o punto de vista portuario
como aeroportuario e terrestre. E no tocante ao sector turístico, salientou que
supón o 11% do PIB, con 4,5 millóns de persoas que visitaron a comunidade o
pasado ano.
No que se refire á captación de investimento
estranxeiro, Feijóo aseverou que o investimento foráneo produtivo na Comunidade
creceu un 60%. E precisou que Galicia marcou nestes anos o
mellor ciclo exportador da súa historia, no 2015 as vendas rexistradas no
exterior foron un 5,6% maiores –o que equivale a case 19.000 millóns de euros-.
“E a nosa balanza comercial ten un superávit de 3.000 millóns de euros; somos a
terceira balanza positiva de España, sendo tan só o 6% do PIB, o que en termos
de comparación é un dato francamente bo”, abundou.
Diante destas cifras, Feijóo expresou o seu
convencemento de que a Comunidade galega, ante a recesión económica, soubo
facer os seus deberes: os deberes da contención do gasto público, o equilibrio
das contas públicas, pechar o exercicio cun déficit de décimas e conseguir
manter a sanidade, a educación, as universidades, os servizos sociais...”,
dixo, a modo de resumo.
Capacidades de Galicia, do tecido industrial e empresarial e dos
centros tecnolóxicos
Durante a xuntanza, Feijóo
puxo en valor as capacidades de Galicia, do seu tecido industrial e empresarial,
dos seus emprendedores e dos seus centros tecnolóxicos. Así, nun primeiro termo
referiuse ao sector da automoción, un sector na actualidade sólido, que conta
con 25.000 traballadores e ocupa aproximadamente o 12-13% do PIB galego. Feijóo
recordou que, logo das dificultades, PSA Peugeot-Citröen conseguiu
revitalizarse e xa supera os 400.000 vehículos ao ano de produción o que
beneficia a industria de compoñentes.
“Recuperamos tamén o
sector naval, que na actualidade está facendo barcos. Temos que entregar dous
floteles a Pemex, estamos tamén construíndo barcos remolcadores e temos pendentes
novos pedidos para a ría de Ferrol”, explicou, ao que engadiu que Galicia está
a facer nun dos estaleiros de Ferrol as torres máis importantes de Europa no
que se refire á enerxía eólica.
Durante o encontro, o
responsable autonómico fixo fincapé na aposta do Goberno pola innovación e a
internacionalización, “dous piares claves” para economía galega. E, neste eido,
destacou que Galicia conta con sete centros tecnolóxicos dun nivel medio-alto
que están a traballar coas universidades e coas empresas.
Así mesmo, Feijóo
recoñeceu a aposta da Xunta polo sector primario, recordando que Galicia é a
primeira produtora de leite de España (o 46% do leite que se produce en España
é galego), “somos o primeiro bosque de España, o 45% da masa forestal está na
nosa Comunidade e temos unha das cooperativas agroalimentarias máis importantes
de Europa, como é Coren, con máis de 6.000 produtores”.
O presidente a Xunta
resaltou que Galicia está incorporando a I+D+i en diversos ámbitos: empezando
por toda a cadea de produción do sector primario, ata chegar a industrias como
a automoción, a biotecnoloxía ou o aeronáutico. E, a modo de exemplo, referiuse
á posta en marcha do polo tecnolóxico de avións non tripulados na provincia de
Lugo, a través da sinatura dun contrato con Inaer e Indra e cun investimento de
115 millóns de euros.
Feijóo concluíu a súa
intervención facendo fincapé en que Galicia é un pobo de fiar, que ten
capacidade de traballo e con disposición a aprender. E, sobre este punto
afirmou que eses tres elementos son os que levaron aos emigrantes galegos “a
permanecer nos países aos que marcharon, a implicarse neles e a formar parte
dos seus anhelos e das súas esperanzas e, tamén, a formar as familias que
forman xa parte da sociedade uruguaia neste caso”.