El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Sogama recibe a visita de membros do club Financeiro de Vigo

17-06-2016 18:19:34
Visita do club do Club Financeiro de Vigo.

Cerceda.- Membros do Club Financeiro de Vigo visitaron esta mesma mañá o complexo medioambiental de Sogama en Cerceda  (A Coruña) co obxectivo de coñecer a súa actividade industrial, toda vez que no mesmo concéntrase a xestión e o tratamento  dos residuos urbanos producidos na maior parte do territorio galego, incluída a cidade olívica. 

Tras ser recibidos polo Presidente da entidade pública, Javier Domínguez Lino, quen xa participara, o pasado mes de marzo, nun xantar-coloquio sobre enerxía e medio ambiente celebrado no Club Financeiro,  o Director Xeral, Isidro García Téllez, foi o encargado de realizar unha presentación da actividade de Sogama no seu conxunto, dando boa conta da súa razón de ser, obxectivos, instalacións e proxectos de futuro. Entre estes últimos aludiu á ampliación do complexo industrial, mediante un investimento aproximado de 30 millóns de euros, contemplando a posta en marcha dunha planta para a recuperación dos envases (de plástico e papel/cartón) contidos no lixo en masa, tendo en conta que a separación do aceiro, o aluminio e o vidro xa se vén realizando desde fai anos. Con esta nova instalación, a capacidade de tratamento do complexo verase incrementada nun mínimo do 36%, pasando das 550.000 toneladas/ano nominais ás 750.000, o que redundará igualmente nunha maior achega á reciclaxe, estimada nun 30%, e nunha diminución do vertido en igual porcentaxe. 

Tamén se referiu á construción dunha planta de compostaje, con capacidade para 15.000 toneladas anuais, no vertedero de residuos non perigosos de Areosa, situado igualmente no concello cercedense, onde se recibirá a materia orgánica proveniente de grandes produtores tales como mercados, centros comerciais e cárceres, entre outros, que será transformada en compost. O investimento previsto neste caso rolda os 4 millóns de euros. 


Resultados 2015: un fito

Como non podía ser doutro xeito,  García Téllez detívose en explicar os excelentes resultados alcanzados pola compañía en 2015, período no que logrou máximos históricos de eficiencia e que se traducen, en relación ao ano 2008, nun aumento (28%) dos refugallos procesados no complexo; no incremento da produción de enerxía (29%), chegando a xerar un 12% da consumida polos fogares galegos, podendo abastecer unha cidade como Vigo; e na redución do vertido (55%), dato este último do que a empresa se sinte especialmente satisfeita. 

Javier Domínguez manifestou que Sogama abre nestes momentos unha nova etapa na que pretende mellorar incluso estes resultados, que  foron posibles grazas a unha boa xestión,  e farao da man da economía circular, que concibe os residuos como recursos de utilidade. O obxectivo da entidade é contribuír a que a actual economía lineal, marcada polas malas prácticas deusar e tirar, se vaia transformando nunha circular na que todo se aproveite ao máximo, polo que se agarda que, no marco  da mesma, a reutilización e a reciclaxe xoguen un papel fundamental. 

Os integrantes do grupo, acompañados polo Presidente e o Director Xeral da compañía, efectuaron un percorrido guiado polas distintas plantas integradas no complexo medioambiental, onde puideron seguir de preto o itinerario polo que transcorre o lixo desde que se recepciona, procedendo á selección da parte susceptible de ser reciclada, que é remitida á industria transformadora, e recuperando enerxeticamente o resto, dando así cumprimento ao principio xerárquico de xestión establecido pola normativa vixente. Un proceso plenamente instaurado nos países comunitarios máis avanzados e comprometidos coa protección da contorna, que son precisamente os que máis reciclan e os que máis valorizan enerxeticamente, dispoñendo de niveis de vertido que chegaron a baixar ata o 0% nalgúns casos. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias