El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DO 19 AO 23 DE OUTUBRO

Santiago recibirá unha nova edición de Womex

25-08-2016 16:25:59
Presentado unha nova edición de Womex.

Santiago de Compostela.- Do 19 ao 23 de outubro desenvolverase en Santiago de Compostela unha nova edición de Womex, a maior feira de world music do mundo que regresa á cidade co decidido apoio da Deputación da Coruña, que fai unha achega de 215.000 € ao proxecto, como se reflicte no convenio asinado este xoves pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín co alcalde de Santiago, Martiño Noriega. 

O acordo asinado recolle que a Deputación da Coruña contribuirá ao financiamento de Womex cunha achega de 215.000 €, o que representa unha porcentaxe do 70,49% do total dun orzamento final de 305.000 € que contempla o convenio. 

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, destacou a dimensión do evento que traerá a Santiago de Compostela representantes da industria musical de máis de 90 países que, en 2014 se concretaron en 2.400 delegados e delegadas, máis de 200 xornalistas e 950 programadores e programadoras ou responsábeis da organización de eventos. “Supón unha importante promoción para a música galega, e, tamén, para a cidade e para o país, que se converte en referencia das músicas do mundo”, sinalou Goretti Sanmartín despois da sinatura do convenio na sede da Deputación da Coruña. 

Da achega económica ao evento, destaca que un 49,63% do total se destina a recursos humanos, co que, ao seu ver, “responde a un dos obxectivos do noso programa de goberno que é a creación de emprego”, un ámbito en que o sector cultural “ten que ter unha especial relevancia no noso futuro económico e social”. Afondou tamén Goretti Sanmartín na potencialidade de Womex a respecto da promoción turística de Galicia e, en especial da provincia da Coruña que a Deputación aproveitará para potenciar entre as 3.000 persoas participantes ademais de as 200 xornalistas que participan na feira os “seis destinos” en que centra o seu plan de turismo. 

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, destacou a participación da Deputación da Coruña para o desenvolvemento de Womex e recoñeceu a importancia da colaboración institucional en iniciativas desta relevancia. 

Womex ofrecerá tamén en Compostela unha intensa programación musical, ademais de actividades paralelas, na que participarán 33 grupos de todo o mundo na sección oficial, entre os que se atopan os galegos Radio Cos. A respresentación galega no programa completarase con Xabier Díaz&Adufeiras de Salitre e Narf &Timbila Muzimba que intervirán no escenario Atlantic Connections. 

Compostela é de novo a cidade escollida para a celebración de Womex despois de que na anterior edición de 2014 a feira se pechase cun balance de 2.400 delegados e delegadas participantes, 1.470 empresas de 90 países, 668 exhibidores na feira e 280 stands. Segundo datos da organización, o 90% do orzamento investiuse en empresas locais, o que se calcula que xerou a creación de máis de 400 postos de traballo, 250 directos e 150 indirectos. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias