O Goberno galego e o de Portugal promoverán a
un acordo de colaboración entre os
departamentos de Turismo de ambos
gobernos, polo que a Secretaría será o interlocutor sobre os camiños de
Santiago no país veciño ademais de ofrecer a súa experiencia para a xestión da
ruta no seu territorio. Así o acordaron na reunión que mantiveron na capital
portuguesa o director do Xacobeo e a secretaria de Estado do Turismo de
Portugal.
Nesta xuntanza tamén se acordou estudar a posibilidade
de realizar accións de promoción conxunta, incluíndo á entidade Turespaña, en
mercados turísticos internacionais como EE.UU, Brasil ou China.
Ademais, Turismo de Portugal mostrou o seu
interese pola creación dunha páxina web específica sobre os camiños de Santiago
que atravesan o territorio portugués , de xeito que estaría interconectada co
sitio na Internet de Turismo de Galicia caminodesantiago.gal ao obxecto de
ofrecer unha visión unitaria da ruta xacobea portuguesa.
Por último, a secretaria do Turismo do Goberno
portugués mostrou o seu interese por visitar Galicia e coñecer ‘in situ’ a
xestión do Camiño en Galicia, especialmente a rede de albergues públicos.
Con 35.616 peregrinos ata o día de onte, o
Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada no que vai de ano,
unha vía que percorreron en todo 2015 un total de 43.151 peregrinos.
Portugal foi o ano pasado o quinto país en
número de peregrinos, con 12.481 persoas que realizaron o Camiño de Santiago.