El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

A Coruña homenaxea a Manuel María coas "Lúas de Outono 2016"

16-09-2016 21:25:47
Presentado “Lúas de Outono” .

A Coruña.- Rock e música de cámara danse a man cos versos de Manuel María, no espectáculo “Lúas de Outono” que terá lugar o vindeiro martes día 20 no Teatro Rosalía da Coruña. A vicepresidenta e responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, a presidenta e o secretario da Fundación Manuel María, Saleta Goi e Alberte Ansede e o músico Xurxo Souto presentaron a homenaxe anual que, desta volta, contará coa participación dos Diplomáticos de Monte Alto e un Grupo de Cámara nunha nova proposta musical do poeta.

Cando se cumpren doce anos do seu falecemento e sendo este o ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, Manuel María recibirá a homenaxe da cidade que el escollera para vivir unha vez chegado á súa xubilación. O Teatro Rosalía da Coruña acollerá o espectáculo “Lúas de Outono” que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos vén celebrando anualmente por estas datas e que este ano xa chega a súa edición número oito. Será o próximo martes día 20, ás 20:30 horas, sendo a entrada gratuíta e libre até completar o aforo.

O secretario da Fundación, Alberte Ansede, manifestou que nas “Lúas de Outono” “sempre procuramos que a obra literaria de Manuel María chegue ao público mediante as máis diversas manifestacións artísticas”. Efectivamente, nas edicións anteriores os protagonistas foron a música, o teatro, a creación audiovisual, os recitados poéticos, a danza e a maxia. “Na presente edición volvemos á música, mais en estilos completamente distintos á edición anterior: incorporamos por primeira vez o rock e a música de cámara nun intencionado contraste que mostra que da boa poesía pódense facer lecturas musicais moi diferentes e emocionar a públicos moi dispares”. Isto é o que tratarán de facer os “Diplomáticos de Monte Alto” coa súa proposta de rock bravú e as composicións musicais de Carlos Seráns realizadas para o Grupo de Cámara que interpretarán cinco pezas sobre poemas de Manuel María. A presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi, agradeceu a colaboración institucional e artística na homenaxe e destacou esa intensa relación que, ao seu ver, e na obra de Manuel María, existe entre a música e a poesía.

“Para nós é unha honra contribuír a difundir o seu legado. Este ano fixemos un esforzo para que a súa palabra chegase ás bibliotecas municipais e os concellos da provincia e agora queremos tamén colaborar en que, máis unha vez, a súa obra se escoite, que a súa poesía sexa lida, recitada e cantada, que é un dos obxectivos da Fundación Manuel María, tentar que os seus versos cheguen de maneira directa tato no recitado como nas cancións”, sinalou na presentación do espectáculo a vicepresidenta da Deputación da Coruña, e responsábel da área de Cultura. Na súa intervención, Goretti Sanmartín fixo un chamamento a acudir o vindeiro martes a “Lúas de Outono” e agradeceu tanto a Alberte Ansede como a Saleta Goi, o “traballo inmenso da Casa Museo por promocionar e divulgar o coñecemento deste gran poeta da literatura contemporánea”.

No espectáculo, os poemas de Manuel María sentiranse a ritmo de rock e de música de cámara con Os Diplomáticos de Monte Alto e o Grupo de Cámara composto pola soprano Esperanza Mara, o piano de Miguel Vizoso, o clarinete de Marina Abuín que interpretarán cancións musicadas por Xosé Carlos Seráns. Os Diplomáticos teñen máis de 25 anos de percorrido musical, con algunhas interrupcións, mais sempre desde Monte Alto, o barrio da cidade en que tamén se asentou Manuel María cando pasou a residir na nosa cidade. Na presentación de “Lúas de Outono”, o seu líder Xurxo Souto confesou unha “alegría infinita por participar neste acto cargado de dignidade e beleza”. Lembrou a intensa relación de Manuel María coa Coruña e, en especial, co barrio de Monte Alto e afirmou que “coa súa palabra, a súa obra, todo se ilumina e aparece un país” para destacar que “foi Manuel María quen inventou a música galega, iluminouna co selo Xistral e os seus temas foron musicados en infinidade de ocasións. Hai máis de cen poemas del musicados e ás veces cantamos cancións que nin sabemos que son del”.

En canto ao Grupo de Cámara, está composto por diferentes profesores de Conservatorio e integrantes de distintas formacións que se uniron para homenaxear a Manuel María executando a música creada por Carlos Seráns. O evento conta coa colaboración da Deputación e do Concello da Coruña. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias