El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Economí­a

Alfonso Rueda: “Galicia é a terceira comunidade que menos aumentou o seu déficit desde 2010"

13-10-2016 19:15:13

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello que Galicia aforrará 65 millóns de euros ao beneficiarse neste 2016 do Fondo de Financiamento para comunidades que cumpren o déficit.   

Logo de que o Consello da Xunta aprobase hoxe o acordo de adhesión ao Fondo de Facilidade Financeira correspondente ao cuarto trimestre de 2016, Rueda salientou que só Galicia e Canarias se poden adherir a este fondo, “xa que son as únicas que cumpriron”, dixo, precisando que a comunidade galega pechou o pasado exercicio cun déficit do 0,68%, por debaixo do límite do 0,7% fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira.   

Durante a súa intervención, o vicepresidente en funcións lembrou as numerosas vantaxes deste fondo que ofrece financiamento a custe 0, incidindo en que isto permitirá á comunidade aforrar en xuros 65 millóns de euros coa adhesión a este mecanismo neste 2016.   

Alfonso Rueda afirmou que Galicia quere seguir sendo a comunidade de referencia no control do déficit e da débeda pública. “Seguimos pensando que este é o mellor camiño: non gastar o que non temos, non hipotecar o futuro de vindeiras xeracións e seguir co rigor nas contas públicas”, asegurou, facendo fincapé en que tamén é a autonomía que menos incrementou o seu volume de débeda desde 2008.   

Sobre este punto, recordou que Galicia ten unha ratio de débeda seis puntos inferior á media; é a terceira que menos aumentou o seu déficit desde 2010, cumprindo cada ano os límites fixados polo Consello de Política Fiscal e Financeira, e mantense entre as autonomías que pagan con máis axilidade aos seus provedores, case un mes antes que a media.   

“Imos seguir mantendo o modelo de crecemento baseado en controlar o déficit e a débeda; reforzando o gasto social, que agora chega ao 80% do orzamento; mantendo o gasto investidor, e somos a comunidade cun maior esforzo en 2015; e seguiremos pagando con axilidade aos provedores”, abundou.   

Rueda concluíu asegurando que Galicia seguirá coa folla de ruta marcada polo Plan Estratéxico de Galicia ata 2020. “Xa crecemos a un ritmo do 3% e queremos acadar un crecemento medio do 2,5% ata 2020; fixemos a maior baixada de impostos da historia da Autonomía e seguiremos afondando nese camiño; e os principais indicadores macroeconómicos nos apoian, como as exportacións ou o índice de produción industrial”, dixo, facendo fincapé en que co este modelo, “queremos seguir consolidando a recuperación económica de Galicia”.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias