El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

Feijóo, a Tabaré: "As nosas empresas son serias, solventes e gañaron en produtividade e competitividade"

29-11-2016 20:10:08

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á solvencia e á competitividade das empresas galegas como o mellor aval para abrir novas oportunidades de negocio co Uruguai en sectores como as infraestruturas, o forestal, o naval e o agroalimentario.   

“As nosas empresas son serias, solventes, cumpren cos seus compromisos e gañaron en produtividade e competitividade”, afirmou Feijóo, durante un encontro mantido esta tarde co presidente da República Oriental do Uruguai, Tabaré Vázquez, e con membros do seu Goberno que o acompañan na súa viaxe institucional á Comunidade galega. Feijóo expresoulle o desexo de que esta visita “xere certezas” para todas aquelas empresas galegas e españolas que queiran investir no Uruguai, referíndose fundamentalmente ao Plan de infraestruturas anunciado por Tabaré.   

Logo de precisar que 2013, 2014 e 2015 foron os anos nos que Galicia máis exportou de toda a súa historia, coa previsión ademais de que este ano 2016 marcará un novo récord, xa que nos primeiros meses as vendas ao exterior creceron máis dun 4% fronte ao mesmo período de 2015, o presidente da Xunta incidiu en que as 288 empresas galegas que exportaron en 2015 ao Uruguai son a mellor tarxeta de presentación para abrir unha nova etapa de colaboración empresarial.   

Durante a xuntanza, o responsable do Goberno autonómico referiuse a Galicia como unha comunidade “aberta, hospitalaria e traballadora” que converteu a estabilidade e a responsabilidade na súa divisa, dous valores que, segundo afirmou, impregnan a sociedade galega a todos os niveis “e que nos axudan a proxectar confianza, tanto no interior como cara ao exterior”.   

Feijóo concluíu a súa intervención trasladando ao presidente Tabaré a disposición “para colaborar e ser útiles cun pobo irmán como o é o do Uruguai”, destacando as capacidades da nosa Comunidade, “da nosa industria forestal, agroalimentaria, turística, metalúrxica, naval e de automoción”. Por último, referiuse á visita do presidente Tabaré como a constatación da boa sintonía existente entre os dous pobos, lembrando que este vínculo o robustecen as 40.000 persoas que forman a comunidade galega en Uruguai e os 2.000 uruguaios que residen en Galicia.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias