El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

EN 2017

A Xunta disporá de máis de 9.000 millóns

02-12-2016 16:48:09
Consello da Xunta celebrado en San Caetano.

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, anunciou hoxe, tras a reunión do Consello da Xunta, a aprobación do Proxecto de lei dos orzamentos da Comunidade para o ano 2017; unhas contas, aseverou, que blindan e reforzan o sistema de benestar, priorizan a recuperación económica e, polo tanto, as políticas de emprego e consolidan as baixadas de impostos.   

Durante a rolda de prensa Feijóo aseverou que, por segundo ano consecutivo, Galicia terá uns orzamentos expansivos e deseñados para trasladar a toda a sociedade galega os primeiros beneficios da recuperación económica. “E para iso, imos empregar na súa totalidade o teito de gasto que aprobou o Parlamento: 9 063 millóns de euros”, afirmou, precisando que os presupostos medran deste xeito un 2,9% con respecto aos deste ano 2016, é dicir, 259 millóns de euros máis e 600 millóns máis que en 2015.   

Así mesmo, subliñou que se destinarán máis recursos ao gasto produtivo, “xa que a nosa responsabilidade financeira –dixo- estanos a permitir ter menos custo no gasto da débeda pública”, ao que engadiu que, en concreto, as arcas públicas galegas pagarán en 2017 un 13% menos de xuros que neste exercicio, o que supón que, en tres anos, a Comunidade reduciu nun terzo os recursos destinados a este fin, cun aforro total de 120 millóns de euros.   

Logo de aseverar que a Comunidade seguirá o ano que vén cumprindo o déficit, fixando un obxectivo do 0,5%, Feijóo avanzou que, grazas a que Galicia é unha Comunidade cumpridora, o Goberno galego terá a posibilidade de ampliar este obxectivo ao 0,6% ao longo do ano, tal e como aprobou na tarde de onte o Consello de Política Fiscal.   

Por outra banda, o Executivo autonómico levará a ratio débeda/PIB ao contorno do 18,8%, “consolidándonos como unha das autonomías menos endebedadas de España”.   


Un novo impulso ao sistema de benestar

Despois dun contexto cuns ingresos moi reducidos, no que se fixo todo o posible para que a a Sanidade, a Educación e os Servizos Sociais públicos seguisen ofrecendo a máxima calidade non só para hoxe, senón tamén para as xeracións que virán, Feijóo afirmou que a Xunta aproveitará a marxe orzamentaria para darlle un novo impulso ao sistema de benestar, incrementando en 2017 o gasto social en máis de 200 millóns: 100 millóns máis para Sanidade, 64 millóns de euros máis para Educación e 25 millóns máis para Política Social.   

“Seguiremos destinando case 8 de cada 10 euros do orzamento a gasto social”, dixo, precisando que con eses 200 millóns se seguirán mellorando as instalacións sanitarias e educativas: renovando, ampliando e abrindo novos centros sanitarios e incorporando 200 profesores máis no eido educativo.   

Por outra banda, explicou que grazas ao crecemento, Galicia poderá seguir consolidándose como un lugar mellor para axudar ás familias. “Non só reforzaremos o investimento en escolas infantís e manteremos a Tarxeta Benvida, senón que tamén incrementaremos os fondos para a atención á dependencia”, abundou.   


Aposta polo emprego e polos sectores produtivos

Na rolda de prensa, Feijóo confirmou que nos orzamentos de 2017 seguirá sendo prioritaria a promoción do emprego de calidade, co obxectivo de que Galicia cree, no vindeiro ano, 20.000 novos postos de traballo. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, crecerá porcentualmente máis do dobre que os orzamentos.   

Cómpre salientar que Galicia se seguirá posicionando tamén como a Comunidade autónoma máis investidora: arredor de 1.500 millóns de euros irán destinados a investimento, 54 millóns de euros máis que este ano 2015, medrando un 4% por riba da media do orzamento.   

No tocante aos sectores produtivos, o responsable autonómico subliñou que as contas de 2017 garanten máis recursos á Consellería do Medio Rural e á do Mar, incrementándose nun 21% o investimento destinado ao desenvolvemento e modernización da agricultura e a silvicultura; e crecerá tamén nun 62% a partida destinada á transformación dos produtos pesqueiros.   

“E, tal e como avanzamos a semana pasada, crearanse a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para protexer a excelencia dos nosos produtos; e a Axencia da Industria Forestal de Galicia, que promoverá desde a Administración o desenvolvemento económico dun sector que dá emprego a 70.000 persoas”, lembrou.   


Consolidar a baixada de impostos

Por último, o titular do Executivo galego asegurou que en 2017 Galicia poderá incrementar a súa capacidade de gasto e, paralelamente, consolidar as baixadas de impostos. Deste xeito, estímase que a finais deste 2016, 68.000 galegos se terán beneficiado da eliminación do Imposto de sucesións ou do programa de impostos cero no rural.   “Seguirase sen pagar o imposto de sucesións e consolidamos a redución do IRPF para o 98,5% dos galegos, así como o programa de impostos cero no rural que ampliamos hai pouco á compra de vivenda no rural”, dixo.   

Sobre este último punto avanzou que esta medida, destinada á mocidade, ás familias numerosas e ás persoas con discapacidade que merquen unha vivenda en áreas rurais, ampliarase tamén ás parroquias menos poboadas dos concellos. “Deste modo, estes colectivos non terán que pagar impostos pola compra de vivenda no 87% do territorio galego”, aseverou.   

“En definitiva, aprobamos uns orzamentos expansivos, razoables e responsables para unha Galicia que medra. Expansivos porque crece o gasto e razoables porque priman as áreas para incrementar o investimento e o emprego”, concluíu a modo de resumo, facendo fincapé en que con estas contas se garante que a nosa Comunidade siga prosperando.   

O presidente da Xunta afirmou que Galicia non crecerá a expensas dos impostos dos galegos senón que crecerá reducindo a carga impositiva que soportan os cidadáns, garantindo o Estado do Benestar e coa vista sempre posta no longo prazo.   

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, destacou que os orzamentos para 2017 consolidarán o modelo de crecemento san, pois están elaborados no mellor momento económico desde hai oito anos e cun crecemento que supera ao de España. Ademais, incidiu en que estas contas impulsan o investimento produtivo, afondan nas potencialidades do sector primario e buscan unha revitalización demográfica.   

O titular de Facenda tamén destacou que as contas para o vindeiro exercicio son xeradoras de emprego, posto que priorizan a creación de postos de traballo, ao tempo que reforzan os servizos públicos e apostan por incrementar o gasto social para chegar ás persoas que máis precisen.            





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias