El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Nacional

Feijóo: "O AVE en Galicia segue sendo unha prioridade para o Goberno de España"

05-12-2016 20:10:46
Núñez Feijóo e Íñigo de la Serna.

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, valorou hoxe, tras unha reunión mantida esta mañá co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, que os accesos ferroviarios a Galicia en alta velocidade sigan sendo unha prioridade para o Goberno central, así como a iniciativa de crear unha comisión bilateral para compartir todas as decisións de xestión da autoestrada do Atlántico.   

Logo de agradecer ao ministro o realismo co que transcorreu a xuntanza, Feijóo recoñeceu en relación ao AVE que, se ben se están a cumprir os compromisos, Galicia non pode darse por satisfeita ata a súa finalización completa. “Agradecemos ao ministro a súa sinceridade e a confirmación de que o AVE sigue sendo unha prioridade para o Goberno de España, así como que nos diga a verdade”, dixo, en relación á necesidade de valorar o impacto que supón na execución do tren o parón dun ano, como consecuencia dun Goberno en funcións.   

Nesta liña, o titular da Xunta destacou a axilidade do Ministerio de Fomento para desbloquear xa varios tramos e volver á normalidade na execución, centrándose nos 18,5 quilómetros nos que hai máis dificultades técnicas, así como o compromiso de proseguir coa conectividade de Ourense, directamente con Pontevedra e Vigo, e que tamén entre na planificación o AVE a Lugo, “porque Lugo –aseverou– non pode quedar á marxe da planificación da alta velocidade a Galicia e ten que estar conectado con Madrid en tres horas”.   

No tocante á xestión da autoestrada do Atlántico, o responsable do Executivo autonómico puxo en valor a decisión de crear unha comisión bilateral Goberno central-Comunidade Autónoma para compartir todas as decisións de xestión da AP-9. E subliñou que as primeiras decisións de xestión que se compartirán son a confirmación de que os accesos á Cidade da Cultura estarán nos presupostos de 2017 e de que as bonificacións das peaxes na Barcala e na Ponte de Rande serán financiadas integramente pola Administración central.   

“Sobre a autoestrada do Atlántico avanzamos máis ca nunca, porque por primeira vez o Goberno de España acepta que as decisións da autoestrada que afectan a Galicia se teñan que consensuar coa Comunidade”, asegurou o titular da Xunta.   

Diante disto, Feijóo aseverou que a Comunidade poderá investir os 6 millóns de euros anuais que destinaba ás bonificacións destas peaxes a seguir mellorando as infraestruturas viarias en Galicia, “moi especialmente á autovía do Morrazo”. Se ben, recoñeceu que o Executivo autonómico seguirá formulando a transferencia da titularidade da AP-9 “e, por suposto, o Ministerio de Fomento, no contexto da política nacional, irá valorando esa proposta”. 

“O ministro é perfectamente consciente de que hai unanimidade política en Galicia en relación coa solicitude do traspaso da titularidade da autoestrada á Comunidade. Pero tamén é consciente de que esa demanda obedece a uns problemas de xestións que na nosa opinión veñen existindo desde hai moito tempo coa autoestrada do Atlántico”, abundou.       





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias