El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

POLÍTICA | BNG

O BNG elixe A Coruña para celebrar a súa asemblea nacional

18-02-2017 17:36:08
Reunión do Consello Nacional

O Consello Nacional do BNG, máximo órgano entre asembleas, aprobou a proposta de teses políticas (cun 89% de votos a favor, 11% de abstencións e ningún voto en contra) e os novos estatutos (92% de votos a favor 8% abstención e ningún voto en contra) con que concorrerá á XVI asemblea nacional cuxa realización está prevista na Coruña os días 25 e 26 de marzo, en que tamén se actualizarán os principios políticos da formación por primeira vez desde a súa fundación.

O Consello Nacional acordou como sede para a súa Asemblea Nacional a cidade da Coruña coincidindo co 35º aniversario da fundación do BNG, tamén na cidade da Coruña. Co desenvolvemento desta gran cita con toda a militancia, o Bloque conclúe o proceso de actualización do seu proxecto político, o denominado Proceso Adiante, acordado na anterior asemblea, que se prolongou durante un ano coa participación de 1.800 persoas, 600 non militantes, e que ten como resultado as teses políticas aprobadas polo Consello Nacional que, en palabras do secretario de Comunicación, Rubén Cela, “son as teses políticas máis traballadas, participativas e debatidas da historia do Bloque” e que continuaron a partir de hoxe a se debater por todo o territorio galego a través de asembleas por todas as comarcas do país.

A expectativa é saír da XVI AN “cun BNG renovado e fortalecido” coa aspiración de ser “a casa común do nacionalismo galego, de todas as persoas que compartan que Galiza é unha nación que ten dereito a decidir sobre o seu futuro, deixando atrás o réxime caduco forxado no 78 e avanzar cara á soberanía plena da Galiza”, indicou Cela.

O secretario de Comunicación tamén avanzou que a cita asemblearia debe servir para consolidar “o tempo novo” iniciado coa recuperación do apoio social e electoral das pasadas eleccións galegas. “Sabemos que queda moito traballo por facer, mais tamén pensamos que estamos no bo camiño, despois de que moitos galegos e galegas volveron mirar para o BNG como un proxecto político serio, solvente e rigoroso para construír unha Galiza con futuro desde nós e para nós, e cunha forza que ten a cabeza e o corazón neste país”.

Con esa máxima de “sumar” e de “man tendida”, Cela fixo referencia ás novas incorporacións ao Bloque, sobre todo desde as pasadas eleccións do 25S, individuais, con máis de 800 persoas, a metade xente moza menores de 25 anos, e tamén colectivas, como a recente incorporación da militancia do FOGA. Nese sentido, Cela afirmou que “no BNG teñen as portas abertas todas as persoas e colectivos que compartan a defensa do dereito a autodeterminación de Galiza e que este país precisa ter unha expresión política propia sen ningun tipo de atadura con intereses alleos a Galiza.

Dentro das novidades recollidas nas teses políticas, o BNG pasa a definirse como “un movemento socio-político” que vai máis aló dunha organización partidaria e, en coherencia con esa definición, as teses políticas incorporan unha folla de ruta a media prazo baixo a denominación Estratexia Avanza Galiza, a desenvolver no período 2017-2020. 

Entre os obxectivos desa estratexia están avanzar cara á soberanía da Galiza superando o actual status quo, acadar unha autonomía fiscal e financeira plena cun concerto económico, banca e facenda galegas, competencias exclusivas na xestión de infraestruturas como AP9, portos ou aeroportos e constituír un poder xudicial propio.


Reforzo do papel de Galiza Nova

Os novos estatutos reforzan o papel de Galiza Nova, da militancia emigrada así como a posibilidade de convocar referendos entre as bases para tomar decisións sobre cuestións de país, outros aspectos dos novos estatutos. Trátase da carta de dereitos e deberes “máis avanzada de todo o Estado en materia de transparencia e participación, de recoñecemento da pluralidade interna e información total á militancia”, explicou Cela. 


Maior protagonismo dos simpatizantes

Os novos estatutos inclúen tamén unha Comisión de Garantías cuxo papel transcende o de ser arbitro de conflitos para velar polo cumprimento dos acordos da Asemblea Nacional. Igualmente, refórzase a participación da figura dos e das simpatizantes dando continuidade ás asembleas abertas. Ademais, haberá unha aposta pola Rede de Concellos Nacionalistas, definidos como aqueles gobernos locais que están facendo políticas transformadoras en clave de país, e un relanzamento da Fundación Galiza Sempre como centro de estudos, análise e formación nacionalista. BNG 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias