El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

A Deputación da Coruña homenaxea a Rosalía

23-02-2017 17:02:56
A Deputación da Coruña homenaxeou a Rosalía.

Nenas e nenos lendo fragmentos da súa obra e o grupo Habelas Hainas poñéndolles música pecharon o acto institucional co que a Deputación da Coruña homenaxeou a Rosalía con motivo do 180 aniversario do seu nacemento. O escenario foi o monumento da Alameda de Santiago que chega este ano ao seu centenario como símbolo do entusiasmo colectivo con Rosalía. 

O presidente e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei, o alcalde de Santiago, Martiño Santos, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez e o investigador Miguel Anxo Seixas -autor do libro publicado pola Deputación arredor da historia do monumento de Santiago- interviron no acto da Alameda de Santiago no que centos de persoas que se sumaron á homenaxe colectiva coa que a Deputación da Coruña quixo lembrar o impulso colectivo que hai cen anos foi quen de erguer a estatua. 

“Esta homenaxe quere honrar unha figura de referencia galega, unha persoa que merece todo o noso recoñecemento, a parte da faceta como poeta tamén como persoa valente que alberga o mellor dos galegos”, sinalou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso que quixo tamén destacar na súa intervención os valores de Santiago de Compostela, “unha cidade que hai cen anos foi quen de conseguir, entre persoas anónimas, artistas, escritores e escritoras e emigrantes recoñecer e homenaxear a gran figura que foi Rosalía de Castro, que protexeu os valores que ela defendeu e que merece tamén o recoñecemento da Deputación da Coruña”. 

Pola súa parte, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, comparou a imaxe de Rosalía no monumento ca escultura “O pensador” de Rodin denominada inicialmente “O poeta”. “Moito teremos andado o día en que galegas e galegos nos acheguemos a esta estatua e vexamos unha filósofa, unha pensadora, “a poeta”, como a ela lle gustaba dicir, pois odiaba a palabra “poetisa” que daquela significaba a persoa que compoñía versos “para as pombas e as flores”, sen o contido transcendental e profundo que acompaña todos os seus versos, eses que mostran labregas pensadoras e que reflexionan sobre os bos amores e os amores cativos que cantou o noso gran Narf nuns versos que desgrazadamente están de máxima actualidade”, afirmou Goretti Sanmartín que destacou tamén o “empeño e a vontade colectiva” por realizar o monumento que chega este ano ao seu centenario e que a área de Cultura conmemora promovendo a investigación sobre a súa historia que se plasma no libro Quen fora pedra, de Miguel Anxo Seixas que se repartiu no acto. 


Xustiza histórica ao pé do monumento

“Ese entusiasmo por Rosalía tamén vive hoxe un momento de esplendor. O aeroporto Rosalía de Castro é o máximo expoñente do que xa foron nomes de rúas, de centros de ensino, de bibliotecas e de tantas mulleres, de tantas nenas. Por outra parte asistimos a extraordinarias versións musicais dos seus poemas”, destacou Goreti Sanmartín que citou as musicacións de Amancio Prada, AcadaCanto, Abe Rábade, Narf ou as propias Habelas Hainas que interpretaron no acto diversos poemas musicados de Rosalía. 

“Desde a Deputación da Coruña quixemos facer xustiza histórica, reparar o feito de as deputacións non teren contribuído daquela economicamente a pagar a estatua, e vir aquí co mellor que temos, música e poesía”, sinalou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación nun acto en que a poesía veu da man de seis alumnos e alumnas de tres centros de ensino da cidade, Álvaro Pallas Otero e Nidia Bugarín Carreira  do Rosalía de Castro, Uxía Romero Míguez e Tais Senín Mallo do Xelmirez I e Noa Feás Gasamáns e Óscar Casais Marino do Xelmirez II e a música do grupo Habelas Hainas.  

O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, mostrou a admiración por unha Rosalía que tivo “a tolería de reivindicarse como muller, escritora e poeta” e lembrou a relevancia da súa memoria nun ano en que “entre todos e todas conseguiuse que o aeroporto de Santiago leve o nome daquela tola que soñou un mundo diferente e reivindicou ese país que segue a ser unha causa pendente”. 

Pola súa parte, o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira lembrou que hai cen anos se xerou “arredor de Rosalía unha enorme unidade social e esa unidade está tamén hoxe”. Fixo memoria do acto de inauguración do monumento hai cen anos en que “estaba representado todo o abano cultural galego e da emigración, tamén os picariños” arredor símbolo “que nos une e nos alumea”. 

“Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda”, dixo o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez que leu na súa intervención o Manifesto que a entidade encargou este ano á escritora Ledicia Costas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias