El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Economí­a

Galicia pechou cun déficit por debaixo do 0,7%

23-02-2017 17:30:10
Núñez Feijóo.

Logo de coñecer os datos do informe sobre a execución orzamentaria correspondente ao exercicio 2016, presentado hoxe no Consello da Xunta pola Consellería de Facenda, o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, destacou que Galicia cumpre un ano máis o obxectivo de déficit público e consolídase como a comunidade de referencia en estabilidade orzamentaria, o que lle permite gastar menos en xuros da débeda para gastar máis nos galegos.   

Máis polo miúdo, Feijóo subliñou que Galicia pechou o exercicio cun déficit axustado por debaixo do 0,7% fixado para todas as autonomías, pasando do 0,68% de 2015 ao 0,58% de 2016, polo que se reduce a nivel relativo un 15%.   

Así mesmo, afirmou que estes datos reforzan a convicción do Goberno galego de volver cumprir neste 2017 o obxectivo de déficit, que o Consello de Política Fiscal e Financeira situou nun 0,6%, e así está fixado tamén nos Orzamentos da Comunidade Autónoma xa en vigor dende este mes de febreiro.   

Logo de lembrar que o cumprimento do obxectivo de déficit foi posible pola boa execución orzamentaria acadada en 2016, que foi do 100,9% do gasto non financeiro, Feijóo destacou que o Goberno galego volveu reforzar en 2016 o gasto social e os gastos de capital, correspondentes sobre todo aos investimentos.   

Así, respecto ao gasto social destináronse 70 millóns máis ao gasto corrente en sanidade, 38 millóns máis á atención á dependencia, 30 millóns máis á promoción do emprego e 5 millóns de euros ao gasto corrente en centros escolares e transporte escolar.   

En canto aos gastos de capital, a falta de que o Ministerio de Facenda publique os datos de peche de exercicio, Galicia consolídase como a segunda comunidade autónoma con máis investimentos recollidos nos seus presupostos, duplicando a media autonómica. Crecen en 107 millóns de euros os gastos en persoal, debido ao incremento retributivo do 1%, á devolución da parte devindicada da extra de 2013 e ao reforzo das substitucións, principalmente no Sergas e nos servizos sociais.   

O titular da Xunta explicou que o informe presentado reflicte tamén que o gasto executado en xuros de débeda reduciuse en 92 millóns tendo en conta os dous últimos exercicios. Este importante aforro é consecuencia tamén do control do déficit e da débeda pública que vén efectuando a Xunta nos últimos anos, e que permite dedicar menos recursos á débeda para dedicalos a gasto social e investimento.   

De feito, Galicia é a comunidade autónoma na que menos medrou a débeda pública dende o ano 2009, e na actualidade mantén un endebedamento seis puntos inferior á media autonómica. No tocante ao capítulo dos ingresos, o documento reflicte o efecto que tivo a baixada de impostos aprobada pola Xunta dende xaneiro de 2016, e que supuxo a supresión do imposto de Sucesións para o 99% dos galegos cando reciben unha herdanza dun familiar directo; a rebaixa do IRPF para o 98,5% dos contribuíntes; e a posta en marcha dun programa de impostos cero no rural, ampliado neste 2017 á adquisición dunha vivenda habitual no eido rural para mozos, familias numerosas e persoas con discapacidade.   

Feijóo salientou que esta rebaixa de impostos tivo un impacto no seu primeiro ano de aplicación de 41 millóns de euros, recursos que quedaron en mans dos fogares galegos. Ademais, sinalou que este impacto será maior no exercicio 2017, cando teña efecto na recadación da comunidade autónoma a rebaixa do IRPF para 2016, e ademais xa terá pleno efecto a rebaixa do imposto sobre sucesións.   

Nesta liña, o titular da Xunta concluíu que “Galicia volve acreditar que é unha comunidade equilibrada, que é unha comunidade solvente, que é unha comunidade estable e que ten futuro desde o punto de vista económico”. Segundo engadiu, Galicia conta cun equilibrio nas contas públicas e iso permítelle facer máis gasto social, facer máis gasto produtivo, aforrar en xuros de débeda pública e acometer a maior rebaixa fiscal que se recorda na recente historia da comunidade. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias