El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE OURENSE

A Deputación impulsa un programa pioneiro de rehabilitación de vivendas no rural

23-02-2017 21:03:12
Presentado o proxecto piloto “Revivenda”.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto cos alcaldes da Veiga e Oímbra, Juan Anta e Ana Vilariño, presentou hoxe o proxecto piloto “Revivenda”, unha iniciativa pioneira en Galicia que impulsa a Deputación de Ourense para a rehabilitación de vivendas baleiras para aluguer co obxectivo de asentar poboación no rural ourensán. O proxecto desenvolverase nos concellos da Veiga e Oímbra, que realizarán as xestións técnicas e administrativas para remodelar vellas vivendas para aluguer e atender aos solicitantes. 

Manuel Baltar destacou no acto de presentación a importancia deste programa -que xa anunciara no pasado Debate do Estado da Provincia- “polo que supón de impulso para dinamizar o rural, fixar poboación e atraer a familias, poñendo en valor os territorios rurais da provincia de Ourense”. Baltar remarcou que A Veiga e Oímbra “son os dous concellos que están a amosar nesta etapa de mandato un maior dinamismo”, e proba diso é este proxecto, “unha idea que xurdiu destes dous concellos, da súa capacidade para xerar iniciativas e crer no rural”. 

Manuel Baltar amosou a cooperación e o compromiso do goberno provincial con este programa, para o cal a Deputación achega un total de 200.000 euros (100.000 euros para cada concello) e os concellos, 10.000 euros cada un, e avanzou que nos próximos días asinarase o correspondente convenio “desta iniciativa que, agardamos, sexa todo un éxito para o noso rural”.

Os dous concellos redactarán as respectivas ordenanzas municipal para a creación e regulación deste programa de vivendas  baleiras en condicións de habitabilidade e sempre cun prezo módico, que incentiven o arrendamento de inmobles que anteriormente se atopaban, na maioria das ocasións, nunhas condicións non idóneas para o seu uso. 

Os concellos da Veiga e Oímbra subvencionarán o 40% da reforma (IVE non incluído) cun  máximo  de 12.000 euros de subvención. A porcentaxe da subvención, no caso de que a reforma sexa executada por empresas con domicilio social en Oímbra acadará o 60% do investimento (IVE non incluído), co límite máximo de subvención de 12.000 euros de subvención por inmoble.


Asentar familias no rural

Os alcaldes destes municipios, Juan Anta e Ana Villarino, coinciden en destacar o apoio amosado “desde o minuto un polo presidente Baltar” dunha iniciativa que ten como obxectivo “darlle vida ao que xa a tivo, remodelar vivendas antigas, rachar co feísmo e ofrecer posibilidades laborais nos ámbitos da agricultura, gandería, industria e turismo”, afirmou Ana Villarino. “Nos nosos concellos temos servizos e hai posibilidades para as familias que se queiran asentar neles, e o que pretendemos e traballar por un rural máis dinámico e activo, con Oímbra e A Veiga como referentes deste impulso do rural”. 

Ámbolos dous concellos encargaranse de redactar as ordenanzas e das xestións técnicas e administrativas, “que consisten no rexistro das vivendas que se incluirán no programa para ser rehabilitadas, e no rexistro dos posibles beneficiarios”, explicou Juan Anta. 

O alcalde da Veiga dixo que os solicitantes de vivenda en aluguer, que poderán acollerse a exencións de determinados impostos e a axudas para o co-financiamento do aluguer, “deberán cumprir os requisitos de ser maiores de idade; ter nacionalidade española ou permiso de residencia; ningún solicitante poderá ser propietario de ningunha vivenda nos termos municipais de Oímbra ou A Veiga, e a unidade familiar non poderá superar uns ingresos mensuais brutos de 3.400,00 euros/mes)”. 

A posta en marcha deste programa promoverá a recuperación de inmobles en malas condicións, dado os incentivos municipais que se establecen, tanto coas subvencións como coa supresión de impostos municipais sobre a propiedade (IBI) ou sobre a licenza de obra preceptiva, impoñéndose exclusivamente como requisitos que durante os catro primeiros anos trala reforma do inmoble se estableza un aluguer cun prezo módico. 

As vivendas que se inclúan no programa deberán estar dadas de alta en Catastro; ter título de propiedade ou declaración do solicitante de ser propietario do inmoble; ter uso residencial; estar libre de arrendamentos ou cargas, e que o propietario se atope ao corrente das obrigas tributarias e da Seguridade Social e non teña ningunha débeda pendente co concello. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias