O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar
esta semana as axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria por 1,5
millóns de euros para a formación e o fomento en prevención de riscos laborais
ao longo de 2017. A convocatoria destas axudas estrutúrase en dúas
liñas. O prazo máximo de presentación de solicitudes en ambos casos será do 24
de marzo.
A primeira está destinada a programas de formación
intersectorial que realicen asociacións empresariais e organizacións sindicais
de carácter intersectorial, cun importe de preto de 500.000 euros; e a segunda,
para programas formativos e outras accións de fomento da prevención de riscos
laborais, cun orzamento de 1.000.000 euros. Desta última, poden beneficiarse
fundacións sectoriais, organizacións sindicais e asociacións empresariais tanto
de carácter sectorial como intersectorial e, por último, asociacións
profesionais de autónomos.
Con estas axudas, os beneficiarios poderán
desenvolver cursos, xornadas e seminarios formativos dirixidos, entre outros, a
persoas traballadoras activas ou en situación de desemprego e delegados de
prevención. A Xunta ademais apoia con esta iniciativa estudos e traballos
relacionados coa seguridade e a saúde laboral de investigación e prospección
para a análise da mellora das condicións de traballo en sectores concretos da
actividade económica; de difusión, sensibilización e intercambio de
experiencias; gabinetes técnicos sectoriais de difusión normativa e técnica;
accións divulgativas de sensibilización para investimento específico en
prevención de riscos laborais; e a realización de materiais e ferramentas
prácticas para implantar actuacións nesta materia.
A presentación das solicitudes realizarase
unicamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede
electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es.