El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

Goretti defende a gastronomía como motor de dinamización económica na clausura do Fórum Gastronómico

14-03-2017 20:29:07
Xulio Ferreiro (I) e Goretti Sanmartín.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, participou na clausura do Foro Gastronómico e defendeu a potencialidade da gastronomía como motor de dinamización económica. Na súa intervención destacou o apoio decidido da Deputación da Coruña a un evento que é un “escaparate”  para a cociña e os produtos galegos.  

Como un “escaparate que nos axuda a mostrar ao mundo o bo saber facer da nosa gastronomía e da nosa produción de alimentos” definiu na súa intervención Goretti Sanmartín o Fórum Gastronomic que se clausuraba o martes na Coruña nun acto no que, entre outros, participou tamén o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. 

Lembrou Goretti Sanmartín que a Deputación da Coruña foi a primeira administración pública galega que apostou por traer a Galiza unha marca xa consolidada como escaparate internacional en 2008 en que se celebrou en Santiago de Compostela. “Desde aquela foi moito e para mellor o que mudamos na fórmula de vender a oferta gastronómica galega”, sinalou Goretti Sanmartín para falar do proceso que levou de falar só de “produto” a referirse á “cociña galega”.

“Podemos mostrar fachenda dun importante elenco de profesionais que fan do noso País un espazo ideal para gozar dun magnífico produto, mais tamén dunha experiencia gastronómica de altísima calidade na súa elaboración”, sinalou, ao tempo que puxo como exemplo e parabenizou ao compostelán, Jorge Gago, cociñeiro no restaurante A Maceta de Santiago gañador do Premio Cociñeiro Novo 2017. 

Desde aquela primeira edición, a vicepresidenta da Deputación falou dun incremento de persoas visitantes mais tamén de postos participantes, delegacións, experiencias e calidade na participación do sector agroalimentario galego. “Por tanto, para Deputación da Coruña é un orgullo que despois daquela primeira aposta, sigamos acreditando no Fórum como ese escaparate que nos axuda a mostrar ao mundo o bo saber facer da nosa gastronomía e da nosa produción de alimentos, sobre todo neste país que tanto sabe de producir alimentos de calidade”, dixo, da aposta decidida da Deputación que nesta edición achega 218.000 €  ao evento gastronómico. 

“A gastronomía é un motor principal de dinamización económica, para alén de posuír un relevante potencial turístico e ser un orgullo para galegas e galegos”, rematou a súa intervención desexando que eventos como este se repitan co fin de promocionar a riqueza gastronómica galega. “Medramos aprendendo que non só facer a compra é un acto político relevante, senón tamén que somos o que comemos e como o comemos, algo ao que poderiamos acrecentar o de que tamén importan onde o facemos”, dixo para poñer en relevo non só esa relevancia económica senón tamén social da gastronomía. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias