El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

SECTOR NAVAL GALEGO

Feijóo avanza 12 millóns para formación no naval

16-03-2017 19:55:25

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello un investimento de 12 millóns de euros en formación especializada para 3.000 traballadores do sector naval galego.   

Feijóo precisou que este plan sectorial de formación especializada, que se levará a cabo entre este ano e 2018, suporá a realización de 170 cursos para persoas tanto desempregadas como ocupadas, ademais de incluír a modernización de centros formativos en Vigo e Ferrol.   

Así mesmo, subliñou que esta iniciativa ten como obxectivo facer fincapé nas novas tecnoloxías vinculadas coa Industria 4.0, ao tempo que se dota aos centros dos equipamentos necesarios para impartir esta cualificación. Non en van, permitirá multiplicar por cinco tanto o investimento como os cursos realizados durante os dous anos anteriores (2015-2016) en materia de formación no sector.   

Cómpre subliñar que o novo plan prestará unha atención especial aos desempregados do naval, a través de formación específica en soldadura, tubaxe e demais accións relacionadas co sector en centros públicos de Ferrol, A Coruña, Vigo, Valga, Cee, Fene e Bueu e entidades homologadas pola Administración autonómica.   

Nestas dúas liñas de actuación os alumnos poderán optar ás becas da Xunta para facilitarlles a asistencia aos cursos, os apoios para financiar os gastos correspondentes ao transporte e manutención e para a conciliación da vida familiar.   

Para as persoas sen emprego haberá tamén 20 unidades formativas nas empresas do naval. Os beneficiarios desta convocatoria serán as firmas con máis de 50 traballadores que poderán programar a formación máis específica e adaptada ás súas necesidades de produción. A Xunta financiará o 100% da formación e as firmas que superen esta porcentaxe poderán recibir incentivos á contratación que poden chegar aos 9.000 euros.   

En total, para a formación de desempregados investiranse ao redor de 7,5 millóns de euros para poñer en marcha preto de 90 cursos e 20 unidades formativas para máis de 1.600 persoas, segundo subliñou o titular do Goberno galego.   

En relación á formación para traballadores, Feijóo precisou que as accións formativas desenvolveranse nos centros homologados pola Xunta e, ademais, impartirase cualificación a través de organismos intermedios en novos procesos industriais vinculados á Industria 4.0.   Logo de precisar que as especialidades a impartir serán identificadas polo propio sector e os axentes sociais e económicos, o responsable do Goberno autonómico afirmou que con esta iniciativa a Xunta prevé especializar en dous anos ao redor de 1.300 profesionais do sector, cun investimento de 3,5 millóns de euros e 80 cursos.   

O plan destinará tamén un millón de euros á modernización de varios centros: o centro de FP ocupacional de Ferrol e do Centro integrado de FP de Vigo, co obxectivo de renovar os talleres de soldadura, tubaxe, mecanizado e electricidade, entre outros. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias