El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación detecta que a mocidade só identifica a violencia machista co maltrato físico

16-03-2017 20:07:29
A área de Igualdade da Deputación.

Continúan a considerar os ciumes e o control como símbolo do amor e, maiormente, identifican a violencia machista co maltrato físico e os asasinatos. Son algunhas das conclusións derivadas do estudo que a área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña desenvolveu en 14 concellos e máis de 600 mozos e mozas dentro do programa socioeducativo “Suprime o control”. 

Desde o mes de setembro, a área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña desenvolve en 14 concellos das comarcas de Arzúa, Bergantiños, Ordes, Santiago e O Sar o programa “Suprime o control” con mozas e mozos de 3º e 4º da ESO co fin de elaborar un diagnóstico e traballar de cara a prevención e eliminación da violencia machista. 

“A mocidade rexeita, en principio, as prácticas sexistas pero entende que só o maltrato físico e os asasinatos son violencia machista. Tampouco detectan que o problema existe na adolescencia e identifican os ciumes e o control como propio do amor romántico”, dixo a responsábel da área de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco, na presentación do balance da primeira etapa do programa que se está a executar en centros de ensino de 14 concellos e que, ademais do propio alumnado, implica tamén ao profesorado e familias. 

Na súa intervención, Ánxela Franco alertou do problema que supón que adolescentes non sexan capaces de identificar a violencia que supón o control, en especial, nas relacións de parella e outros tipos de agresións ademais da física. “É necesario que se conciencien das consecuencias do amor romántico e os obxectivos do programa é que se decaten de todas as formas de violencia nunha idade que tanta repercusión ten tamén de cara a futuro. A falta de información pode levar tamén a perda de independencia persoal e múltiples formas de violencia”, sinala a responsábel da área de Igualdade da Deputación. “Formar e informar son as ferramentas necesarias para cambiar unha dinámica desesperante. Xa non podemos falar só de preocupación diante dun terrorismo de tal calibre, é necesario actuar niso estamos, nunha idade fundamental para construír un mundo máis igualitario”, engadiu Ánxela Franco.   

No acto de presentación do balance do programa “Suprime o control”, a técnica de Igualdade da Deputación, Eva Ovenza, explicou que, neste sentido, un dos obxectivos da inciativa é a desmitificación do amor romántico e a identificación doutros tipos de violencia distintas á física. 

Pola súa parte, a técnica Eva Garabal, destacou do  informe do programa o “descoñecemento da violencia sexista entre a poboación adolescente que mantén unha percepción baixa de que sexa un problema para as persoas da súa idade. Identifican malos tratos físicos en relacións de parella en persoas de maior idade”. A técnica non ten dúbida de que, maiormente, a mocidade continúa a xustificar os mitos do amor romántico e, desta maneira, “teñen problema de identificar contidos sexistas dos medios de comunicación, o cine ou a música”. Dos datos obtidos derívase que os mozos identifican en menor medida os contidos machistas e que “continúa viva a idea de que as mozas se senten máis atraídas por mozos fortes e aguerridos”, di Eva Garabal. O resultado do  estudo evidencia que 9 de cada 10 rapazas (91,5%) rexeitan a idea de que estar namorado ou namorada implique compracer en todo á súa parella. Mentres que só 6 de cada 10 rapaces (59,1%) mostran a súa oposición a esta idea de compracencia. 

O programa inclúe o concurso “Instagram sen machismo?”, un concurso de microrrelatos e unha asesoría Whatsapp ademais de novas sesións educativas e unha guía de materiais e recursos educativos para que os centros de ensino continúen a traballar nas aulas. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias