El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación anima á creación coa convocatoria de 12 premios culturais

22-03-2017 17:23:33
A Deputación convoca 12 premios culturais.

A cultura ten premio na Deputación da Coruña que abre prazo de presentación para unha nova edición de doce premios culturais. Obras de narrativa, poesía, banda deseñada, artes plásticas, textos teatrais, composición musical, fotografía, literatura infantil e xuvenil, ensaio,  artes gráficas ademais de grupos musicais,e iniciativas culturais pola igualdade de xénero poden concorrer a esta nova convocatoria que, desde a área de Cultura, busca incentivar e recoñecer a creación cultural. 

O máis novo dos premios culturais da Deputación da Coruña nace nesta mesma edición e é o Begoña Caamaño co que se quere premiar iniciativas culturais pola igualdade de xénero. O de máis historia chega a súa vintenove edición e é o Premio Torrente Ballester de Narrativa que o pasado ano se dividiu en dous, un para castelán e outro para galego converténdose no mellor dotado economicamente para a nosa lingua. Entre un e outro foron nacendo os doce premios que saen convocados no Boletín Oficial da Provincia este 22 de marzo. 

“Desde a área de Cultura queremos incentivar a creación coa convocatoria duns premios que queren, ademais, converterse en eventos culturais, arredor dos que xiran actividades de promoción e difusión dos distintos ámbitos”, sinala Goretti Sanmartín, responsábel da área de Cultura e vicepresidenta da Deputación da Coruña. Entre outras cousas, destaca que os doce certames convocan tamén doce xurados profesionais de recoñecido prestixio que varían cada ano e que buscan garantir a obxectividade e a pluralidade dos premios. 

Se diferente é a antigüidade dos premios, distinto é tamén o prazo de presentación das obras para participar nos concursos. O 1 de xuño pecha o prazo para se presentar ao XV Certame Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas e o XI Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. Quen queira participar nos Torrente Ballester de Narrativa, tanto en lingua galega como en lingua castelán, teñen até o día 10 de xuño para entregar as súas novelas. Cinco días despois, o 15 de xuño, deberán estar rematadas e presentadas as bandas deseñadas en galego que queiran entrar no XII Premio Castelao.  


En xullo remata o prazo

Xa en xullo, o primeiro día rematará o prazo para o XVIII Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais e xusto na metade, o día 15, ponse fin ao tempo para recibir na Deputación da Coruña o XI Premio Manuel Murguía de Ensaio  e os dous premios de música, o XII Premio Andrés Gaos de Composición Musical e o IX Concurso para Grupos e Artistas Musicais que leva, a partir desta edición, o nome do músico Fran Pérez Narf. Para o Premio Jesús Nuñez de Arte Gráfica o prazo de presentación vai do 1 de xuño a 30 de xullo. De todos os concursos da área de Cultura, o Begoña Caamaño para proxectos culturais pola igualdade prolonga o período ao pechar o prazo o 30 de agosto. 

Os premios da área de Cultura da Deputación da Coruña teñen todos dotación importantes dotacións económicas que son de 6.500 € na maior parte dos certames, aínda que no de grupos musicais divídese en distintas categorías e no do Premio Torrente Ballester tanto en galego como en español que é de 25.000 €. Ademais, cada unha das modalidades incorpora distintas posibilidades de difusión da obra. NO de grupos e artistas musicais inclúese concerto e xira, edición para os premios literarios, tanto en poesía como en prosa, teatro e ensaio; catálogo e exposición para o Luís Ksado de fotografía e o Jesús Núñez de Arte Plástica e estrea de obra por parte da Orquestra Sinfónica de Galicia para o Andrés Gaos. 

“Os premios económicos, inda sendo importantes, son só unha das partes destes concurso que teñen como obxectivo non só promover a creación senón tamén difundila. Desta maneira, nas bases incorporáronse melloras para conseguir que as obras premiadas pola Deputación cheguen ao público co cal gañar un dos galardóns pode ser aínda de maior interese para creadores e creadoras”, explica Goretti Sanmartín das novidades da nova edición dos premios. 

Por outra parte, os premios irán acompañados dunha programación de actividades paralela co fin non só de darlle relevancia a súa convocatoria senón tamén de difundilos publicamente e promover a participación en cada un dos ámbitos. 

A convocatoria no Boletín Oficial da Provincia dos doce premios de Cultura súmase á do II Concurso Musical Infantil e Xuvenil, “Quero Cantar” ao que se poden presentar cancións até o 20 de xuño, os premios Rosalía de Castro para persoas e colectivos que traballan na normalización do galego que ten o prazo aberto até o día 30 de xuño ou o concurso de viñetas VIII Concurso de Viñetas 2017 "IgualMENTE" sobre a sexualidade e a igualdade de xénero, da área de Igualdade, que ten aberto o prazo até o 12 de abril. Consulta as bases 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias