El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O TEMPO

O inverno en Galicia foi cálido e seco

23-03-2017 20:14:21

A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, presentou o contido do informe meteorolóxico de inverno 2016-2017, elaborado por Meteogalicia; no que se conclúe que o inverno en Galicia foi cálido e seco.    

Segundo os datos recompilados, a temperatura media do inverno foi de 9,1ºC, o que a sitúa en 0,55ºC por riba da anomalía de temperatura media para a serie rexional representativa de Galicia (diferencia entre a temperatura media deste inverno e o valor climático no período 1981-2010), aínda que en menor medida que o inverno anterior, que foi moi cálido cunha anomalía de 1,56ºC.   

Analizando a situación por meses, decembro rexistrou unha temperatura media mínima alta no litoral, pero algo máis preto do normal no interior, debido ás fortes xeadas rexistradas nos derradeiros días do mes, con mínimas por debaixo dos -5ºC en puntos de Lugo e Ourense. En relación coas precipitacións, foron moi escasas, tanto nas cantidades (78% inferior á media) como no número de días de chuvia, que se quedaron en xeral entre 3 e 5.   


Xaneiro, máis frío

O mes de xaneiro foi máis frío, isto debido en boa medida á chegada dunha masa de aire polar continental na xornada do día 17, o que provocou que durante varios días as mínimas foran extremadamente baixas e con xeadas xeneralizadas, chegando a -14ºC o día 19 en Calvos de Randín e por debaixo de -9ºC en moitos puntos da provincia de Ourense.   

Non obstante, tendo en conta as precipitacións pode considerarse un mes seco. As precipitacións acumuladas no mes de xaneiro foron novamente moi escasas, cun 62% inferior á media, e só hai un precedente, o ano 2012 cando foron un 68% inferior. Soamente nos derradeiros días do mes, a partir do día 26, presentouse algunha xornada de chuvia xeneralizada, pero en ningún caso con valores moi elevados que fosen capaces de equilibrar o déficit das semanas anteriores. Por estes rexistros, o primeiro mes de 2017 contrastou co de 2016, que fora moi húmido.   

A directora de Calidade Ambiental explicou que febreiro cualificouse como moi cálido, con temperaturas medias elevadas para a época do ano e o mes, cunha media de temperatura +1,3ºC por riba, o que o sitúa como o máis cálido de 2008. Isto debeuse ao paso de sistemas frontais na primeira metade do mes estivo acompañada en xeral por ventos de sur que non deixaban descender os termómetros e tamén ao episodio anticiclónico de mediados do mes, que achegou aire cálido e deixou temperaturas elevadas durante as horas diúrnas.   

En relación coas precipitacións, febreiro pode considerarse como moi húmido, con precipitacións en xeral moi por riba da media climatolóxica (+62%), aínda que inferior a febreiro de 2016(+136%). Esta anomalía débese principalmente á acumulación de precipitación durante os primeiros catro días do mes, debido ao paso de borrascas moi preto da costa galega (Jürgen o día 2 e Kurt e Leiv o 3), o que fixo que se acadaran rexistros moi importantes (máis de 100 L/m2 en 24h en zonas da Coruña, Ourense e Pontevedra.   

Esta información e o contido do informe climatolóxico inverno 2016-2017 máis ampliado está accesible na web da páxina da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Meteogalicia





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias