O
Auditorio Municipal de Valga acolle este
domingo , ás 18.00 horas, a
presentación do primeiro libro de Eliana
Bouzas Collazo. Unha obra na que, a través de catorce relatos, a autora
analiza as experiencias e vivencias nas que “emoción, razón e corpo van da
man”.
O
acto estará aberto ao público en xeral ata completar aforo e contará coa
presenza da coach Mercedes Vidal; de José María García, presidente de Adeval
(Asociación para o desenvolvemento de Valga); Javier César Niño, ilustrador do
libro; e a propia autora, Eliana Bouzas Collazo.
A obra
“Travesía Cebola. Diario dunha aprendizaxe”
érguese como unha viaxe cara o interior do individuo, no que o proceso de
aprendizaxe sobre o mesmo vai evolucionando segundo se van quitando as capas
ata deixar ao descuberto o núcleo real.
A
linguaxe interna, as emocións, os sentimentos e os medos que nos limitan son analizados
para tratar de comprender á persoa deixando atrás ese pelello inicial para
buscar “unha pel nova, unha pel que fale de quen son e quen quero ser”.
Este
poemario, editado por Edicións Fervenza,
está ilustrado polo polifacético Javier
César Niño de Frutos, natural de Valladolid, quen cos seus deseños aporta
forza visual aos relatos servíndose de imaxes que representan fielmente as
emocións que vive o individuo ao longo desa viaxe interior.
A autora
Eliana
Bouzas Collazo nace en Cordeiro (Valga) en 1977. A lectura permitiulle vivir
outras historias mentres a escritura a levou a plasmar o seu mundo interior. Os
seus primeiros relatos (inéditos) buscaban expresar a inmensidade de matices
emocionais e sensacións transpiradas, ao tempo que experimentaba con temáticas
tan diversas como o erotismo, a crítica social ou o misterio.