El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

AS PONTES

As Pontes albergará o VII Congreso Internacional sobre Patrimonio Industrial

07-04-2017 15:47:45
A Deputación da Coruña patrocina este evento.

A Deputación da Coruña patrocina o VII Congreso TICCIH sobre Patrimonio Industrial, que se celebrará en As Pontes entre os días 5 e 8 de xullo, co obxectivo de constituír un foro internacional sobre a conservación, a sostibilidade, a rexeneración e a potenciación do turismo en paisaxes industriais. 

Este congreso é promovido pola sección española do Comité Internacional pola Conservación do Patrimonio Industrial (TICCIH), entidade colaboradora da UNESCO. Na organización do evento tamén participan o Concello de As Pontes e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. 

O programa do Congreso sobre Patrimonio Industrial foi presentado hoxe na Deputación da Coruña polo presidente provincial e alcalde pontés, Valentín González Formoso; o deputado responsable da área de Turismo, Xosé Regueira; o vogal de TICCIH, Xoan Carmona Badía, e a concelleira de Turismo de as Pontes, Ana Pena. 

Na súa intervención, González Formoso destacou “a aposta da Deputación polo turismo coma elemento de potenciación económica na provincia, que se reflicte nun incremento do 30% nas asignacións orzamentarias”. 

Así mesmo, Formoso definiu o patrimonio industrial coma “un sinal identificativo da comarca de Ferrolterra” que ofrece moitas posibilidades para “un tipo de turismo emerxente”. O deputado de Turismo, Xosé Regueira, coincidiu co presidente provincial en destacar as potencialidades turísticas do patrimonio industrial, e salientou a “oportunidade que supón para a provincia a celebración dun congreso de primeiro nivel”.


Escaparate para impulsar a industria galega

Doutra banda, Xoan Carmona afirmou que “se espera unha gran participación,  con máis de 60 ponentes xa inscritos”, polo que as xornadas constituirán un gran “escaparate internacional para impulsar a imaxe de Galicia coma potencia industrial”. 

O congreso desenvolverase a partir de catro eixos principais: paisaxes a ceo aberto, estratexias de rexeneración territorial, repercusións medioambientais e turismo industrial. Dentro de cada unha destas mesas, haberá unha ponencia marco impartida por un experto, que servirá para coñecer o estado da cuestión en cada liña temática. 

A inscrición no congreso segue aberta para todos aqueles investigadores, profesionais e estudantes interesados, que deberán enviar as súas propostas ata o día 17 de abril, cunha extensión máxima de 500 palabras, ao correo electrónico ticcihaspontes2017@gmail.com. Unha vez sometidas á valoración do Comité Científico, notificaráselles aos interesados se as súas propostas foron aceptadas. 

Polo momento, xa está confirmada a asistencia de expertos de distintas comunidades coma Andalucía, Cataluña, Castela - A Mancha ou Asturias, ademais de investigadores internacionais de nacionalidade alemá, italiana e portuguesa. Pola súa banda, o comité científico do congreso está formado por Miguel Ángel Álvarez Areces (Presidente de TICCIH España) e membros das universidades de A Coruña, Santiago de Compostela,  Zaragoza, Sevilla, Cantabria, Castela –A Mancha, Murcia, Complutense de Madrid, Valencia, León e Politécnica de Catalunya, ademais das universidades portuguesas de Minho e Évora e de diversos centros de investigación.


Difusión do patrimonio industrial coruñés

Ademais de difundir As Pontes como capital do patrimonio industrial, a celebración do congreso tamén promocionará outros destinos da provincia, posto que o programa inclúe un itinerario chamado “Luz, Auga e Carbón” que percorrerá as infraestruturas das centrais térmicas e as minas, e unha ruta guiada polas Fragas do Eume ata o mosteiro de Caaveiro, incluíndo una visita ás centrais hidroeléctricas do Eume e Ventureira. 

Estas accións enmárcanse na estratexia da Deputación da Coruña de promoción do turismo industrial na provincia,e sobre todo na comarca de Ferrol, a través de diferentes rotas que difunden patrimonio coma as minas das Pontes ou a configuración do Porto de Ferrol, pasando polos saltos de auga xeradores de enerxía eléctrica ou os grandes parques eólicos. Departamento de comunicación 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias