El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

OLEIROS | FUNDACIÓN JUANA DE VEGA

Aberto o prazo para a presentación das candidaturas aos Premios de intervencións na paisaxe

10-04-2017 13:06:40

Oleiros.- A Fundación Juana de Vega abre o prazo para a presentación das candidaturas ao Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe para a categoría de intervencións privadas no patrimonio construído e a súa contorna. O obxectivo é recoñecer aqueles proxectos que recuperen o patrimonio construído e poñan en valor o medio que os rodea. Nesta categoría teranse en conta aspectos coma a posta en valor dos elementos contruídos, a integración na contorna, a incorporación de criterios de sostibilidade así como a economía no uso dos materiais. 

 O Premio Juana de Vega de intervencións na paisaxe xorde do convencemento de que a paisaxe é un elemento fundamental do patrimonio de calquera sociedade humana por incidir directamente no seu benestar físico e espiritual e por ser un recurso socio-económico de enorme potencial. Para poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio, a Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, convoca este premio como recoñecemento a aquelas intervencións no patrimonio natural e construído que contribúan a mellorar a calidade dos elementos que configuran a paisaxe de Galicia e sirvan de referencia social para futuras intervencións no mesmo. 

Para esta edición do premio o prazo rematará o 30 de xuño e poderán concorrer aquelas intervencións realizadas en Galicia entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2016. As candidaturas poderán ser presentadas polos autores das mesmas, os promotores, ou calquera persoa ou entidade que teña coñecemento de intervencións en espazos exteriores que consideren que son merecedoras do galardón. O fallo do xurado darase a coñecer no último cuatrimestre do ano e o premio terá unha dotación económica de 6.000 euros ademais dun diploma acreditativo. Tamén poderán concederse dous accésits a criterio do xurado, cada un deles dotado de 1.500 euros e un diploma. 

O xurado estará formado para esta edición por persoas de diferentes ámbitos profesionais relacionados coas intervencións na paisaxe e o territorio, coa estética ou a arte e a cultura. Tamén formarán parte do xurado, o presidente da Fundación Juana de Vega e a directora da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega. O fallo do xurado farase público a través da páxina web da Fundación Juana de Vega e noutros medios. Igualmente, os autores premiados recibirán unha comunicación por escrito na que se lles dará conta da resolución do Xurado. A entrega do premio realizarase nun acto público na sede da Fundación Juana de Vega. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias