As Feiras do Libro de Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Rianxo e Ribeira contarán cunha caseta da Deputación da Coruña para difundir non só as súas publicacións senón tamén as iniciativas culturais do campo do libro e a lectura.
A área de Cultura da Deputación da Coruña difundirá a súa actividade e as súas publicacións a través das Feiras do Libro que se desenvolven na provincia. Desta maneira, estará presente cunha caseta propia nas Feiras do libro de Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Rianxo e Ribeira.
Entre outras iniciativas, a área de Cultura da Deputación informará arredor das iniciativas que desenvolve arredor do libro e a lectura ademais das actividades da Biblioteca Provincial ou das obras publicadas polo seu servizo de publicacións, entre ellas, os recentes premios literarios como o Torrente Ballester, o González Garcés ou o Castelao. Ademais, nos espazos da Deputación ofrecerase información sobre a nova convocatoria de premios do ámbito da cultura e de bolsas de investigación e creación artística que, neste momento, teñen o prazo de presentación aberto.
A participación da Deputación da Cultura nas feiras do libro responde tamén ao apoio ao sector libreiro que promove esta iniciativa que cada primavera e verán achega os libros ao público e difunde a produción editorial en cidades e vilas.
“Queremos difundir a nosa actividade e as iniciativas de apoio ao libro e á lectura mais tamén apoiar o sector das librarías que, a través da federación, promove as feiras como medio de achegar os libros á xente”, sinala Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña. Goretti Sanmartín defendeu o papel das librarías á hora de promover a lectura e valorou tamén o seu esforzo para sobreviviren como espazos de cultura nunha situación agravada pola crise que tivo graves efectos na economía do sector.
A Deputación da Coruña estará, pois, con caseta propia nas distintas feiras da provincia da Coruña que se celebrarán co seguinte calendario:
.- Ferrol: 19-23 abril
.- A Coruña: 1-10 agosto
.- Santiago: 29 abril e 7 maio
.- Rianxo: 20-23 xullo
.- Ribeira: 22-25 xuño