El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

EN SANTIAGO

O CDG ultima "Martes de Carnaval"

20-04-2017 11:56:41

O Centro Dramático Galego (CDG) ultima os ensaios de Martes de Carnaval, a nova produción que a compañía teatral da Xunta de Galicia estrea o vindeiro xoves 20 na súa sede do Salón Teatro de Santiago. Será a primeira vez que se poñan en escena en galego os esperpentos de Valle-Inclán As galas do defunto e A filla do capitán, as dúas pezas do espectáculo, dirixido por Marta Pazos, cun elenco de 10 intérpretes e un equipo artístico de 13 recoñecidos profesionais de toda a Península.   
A representación galega no devandito equipo –que traballa man a man co cadro técnico do CDG– corre a cargo de Rut Balvís no traballo de movemento, Uxía Vaello no deseño de vestiario, Esther Quintas Salgado na caracterización, Manuel Cortes na tradución de Valle-Inclán ao galego, Rosa Moledo na asesoría lingüística, Gena Baamonde na asistencia de dirección, José Faro ‘Coti’ na asistencia de escenografía e iluminación, María Villas na asistencia de vestiario e José Díaz na asistencia de produción. Este último asina tamén a música orixinal de Martes de Carnaval xunto co portugués establecido en Galicia Hugo Torres, quen se fixo cargo así mesmo da asesoría de dramaturxia.    

Desde Portugal, contribúen a esta posta en escena Fernando Ribeiro no deseño da escenografía e José Álvaro Correia, no da iluminación. Ambos contan cunha destacada traxectoria no seu país, asinando traballos para prestixiosas compañías, como o Teatro Nacional São João do Porto. Pola súa banda, Ernesto Arias, vinculado ao Teatro de la Abadía de Madrid desde a súa fundación, é o encargado do traballo de palabra desenvolvido xunto ao elenco de Martes de Carnaval.


Incorporación ao repertorio en galego

O equipo participará na presentación da montaxe aos medios de comunicación o vindeiro martes 18 no Café Bar Derby de Santiago, un dos lugares frecuentados por Valle-Inclán durante a súa estadía en Compostela. Con esta produción, o CDG contribúe á incorporación do gran autor arousán ao repertorio teatral en galego no ano en que quedaron liberados os dereitos da súa obra. As actrices Iria Azevedo, Mercedes Castro, Anabell Gago e María Roja, e os actores César Cambeiro, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado e Sergio Zearreta interpretan este espectáculo, dando vida aos máis de 30 personaxes que suman as pezas As galas do defunto e A filla do capitán.   

Tras as súas primeiras funcións en Compostela –do 20 ao 23 de abril para público xeral e do 24 ao 27, matinais para escolares–, o espectáculo viaxará a Tui, O Barco de Valdeorras, Ourense, A Coruña, Rianxo, Valencia, Pontevedra e Vigo, para regresar ao Salón Teatro de Santiago do 28 de xuño ao 16 de xullo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias