El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

EN GALICIA

Preto de 90 bebés beneficiáronse dos bancos de leite materno

17-04-2017 10:25:58

Un total de 87 bebés beneficiáronse xa dos bancos de leite materno do Servizo Galego de Saúde, creados co fin de proporcionar esta alimentación a bebés hospitalizados que, de forma transitoria ou permanente, non poden recibir o leite da súa nai. Só dez comunidades autónomas dispoñen en España deste tipo de bancos e Galicia e Andalucía son as únicas que contan con máis dun.    

Dende a súa posta en marcha o pasado ano, 139 mulleres doaron o seu leite nos dispositivos do Sergas, situados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Estes centros especializados son responsables da promoción e apoio á lactación materna e da recolección, procesamento, control de calidade e dispensa do leite. Tanto a doazón como a dispensa son gratuítas e fanse baixo criterios médicos. En total, os profesionais que traballan nos dous bancos de leite galegos recolleron 490 litros, dos que xa se procesaron 370 e se dispensaron 272. 

O leite materno é o alimento máis axeitado para os lactantes. Comparado coa fórmula artificial, posúe importantes vantaxes para os neonatos prematuros ou de moi baixo peso ao nacer. Así, a transmisión de factores inmunoprotectores, antiinflamatorios e de crecemento pode previr complicacións como a enterocolite necrosante e a infección invasiva; e mostrouse un mellor cociente de desenvolvemento nos nenos moi prematuros alimentados con leite materno.   

Polo tanto, coa administración de leite materno doado aos neonatos hospitalizados, especialmente vulnerables a infeccións neonatais, lógrase mellorar a súa saúde, especialmente no caso de prematuros -menos de 32 semanas de xestación- ou de menos de 1.500 gramos ao nacer, con síndrome de malabsorción, cardiopatías, erros metabólicos, nutrición poscirúrxica, enfermidades infecciosas, inmunodeficiencias, transplante de órganos, enfermidades crónicas, enterocolite crónica necrosante, alerxia ás proteínas de leite de vaca ou terapia inmunosupresora, entre outros. A longo prazo, mellora o desenvolvemento psicomotor e diminuír os factores de risco cardiovascular.   

O Sergas traballa no fomento da lactación materna, facilitando que as nais a inicien na primeira hora de vida do bebé e axudando para lograr un aleitamento eficaz e unha vivencia satisfactoria, e no fomento da doazón para poder abastecer aos bancos dun aporte suficiente de leite para o seu procesamento, almacenamento e distribución aos receptores. A selección de mulleres réxese por principios éticos e técnicos orientados a evitarlles prexuízos a elas e aos seus fillos, así como efectos adversos ás persoas receptoras.


Funcionamento dos bancos

As nais que desexan doar leite materno, unha vez verificados os criterios necesarios establecidos polo banco, son instruídas para realizar a extracción na súa casa e conservalo de forma segura e adecuada. Sen romper a cadea de frío, transportan o leite conxelado en neveiras portátiles ao banco, onde se comproba que está en condicións de ser procesado e almacenado para a súa distribución aos centros receptores. O tempo máximo de almacenamento é de tres meses.   

Lévase a cabo un rexistro que permite manter a trazabilidade de todo o proceso e garántese a confidencialidade de datos. Tanto as doadoras como os proxenitores receptores asinan consentimentos informados tras ser informados polo persoal sanitario.   

Os 12 bancos de leite que existen actualmente en España están en Galicia, Aragón, Asturias, Baleares, Castela e León, Cataluña, Estremadura, Comunidade Valenciana, Andalucía (que ten dous) e Madrid.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias