El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación inicia un circuíto co proxecto audiovisual "Vida"

17-04-2017 20:09:32
Proxecto audiovisual “Vida”

A obra de ficción Vida e o documental Máis ca Vida compoñen un pioneiro proxecto audiovisual impulsado polo actor e director Rubén Riós e a súa produtora Claqueta Coqueta que a Deputación da Coruña difundirá en cinco concellos co fin de contribuír á sensibilización coas persoas con diversidade funcional e promover a súa integración social. 

“Este formato singular, que nos achega desde a ficción e a realidade á vida de persoas das que, moitas veces, se descoñecen as súas verdadeiras capacidades, que son moitas e ás veces non se fan visíbeis, é un exemplo das posibilidades da cultura á hora de colaborar con proxectos de carácter social e sumar forzas para construír unha sociedade mellor”, sinalou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín na presentación en que participou xunto co actor e tamén director  e  produtor do proxecto, Rubén Riós. 

O concello de Ribeira o vindeiro 21 de abril iniciará o circuíto promovido pola área de Cultura coa colaboración da de Servizos Sociais da Deputación da Coruña polo que os dous filmes poderán verse tamén en Vedra, Padrón, Boqueixón e Sada. En cada unha das proxeccións intervirán o director, Rubén Riós e parte do equipo artístico, en especial, as protagonistas con diversidade funcional. “Consideramos de grande interese que este filme chegue ao público e queremos, con este apoio, conseguir eliminar parte das barreiras que tamén existen para que obras como estas podan ser distribuídas e cheguen á maior xente posible”, explicou Goretti Sanmartín. 

A vicepresidenta da Deputación deu os seus parabéns ao director Rubén Riós e recoñeceu a capacidade de “dar testemuño dunha realidade nun proxecto único que hai que potenciar e divulgar porque iniciativas coma esta non poden ficar na gabeta”, dixo, dun proxecto que “mostra os soños, os desexos, as interrogantes e unha realidade da que é preciso ser consciente”. 

Pola súa parte, Rubén Riós explicou que o traballo na elaboración do proxecto se prolongou ao longo de dous intensos anos de traballo coas persoas protagonistas. “Agora podemos utilizar as súas ganas e a ilusión para visibilizalo e facer partícipe ao público”, dixo, despois de explicar o proceso que se iniciou nun traballo previo coas técnicas de formación actoral coas persoas que serían logo as protagonistas e que abrirían tantos camiños como para mudar o proxecto inicial para dar lugar ao documental e á curta. “Detrás do resultado final hai un traballo previo e agora agradecemos esta posibilidade de difundilo”, sinalou Rubén Riós. 

A obra de ficción Vida proxéctase conxuntamente co documental Máis ca vida para sensibilizar e facer reflexionar, desde distintas perspectivas, sobre o colectivo de persoas con capacidades especiais. O proxecto ten como actor e actriz protagonistas a Óscar Rodríguez e Mónica Ferreiro que  se poñen por vez primeira fronte unha cámara e conta cun reparto artístico con nomes xa coñecidos como os de Javier Gutiérrez, Cristina Castaño, Mariana Carballal, Estibaliz Veiga, María Mera ou Luís Iglesia. “Vida” está dirixida por Rubén Riós e ten como guionistas a Estíbaliz Veiga e Jacobo Paz. 

O traballo en equipo é un dos elementos chaves deste proxecto que é resultado dun ano de ensaios do director Rubén Riós cun colectivo de persoas con capacidades diferentes ao que pertencen as persoas protagonistas. Pola súa parte o documentalMáis ca vida, igualmente por Rubén Riós que  tamén é guionista e produtor recolle os ensaios realizados de cara á rodaxe do filme a través dos que se mostran os sentimentos das persoas implicadas. O documental é así, segundo a produtora “unha ferramenta idónea para contribuír a plasmar en papel todos os elementos necesarios para a creación de tramas do guión de Vida, unha obra, de ficción, creada por e para eles, artífices e construtores activos do seu día a día”. 

O obxectivo fundamental é concienciar a través do audiovisual sobre o respecto e a igualdade de oportunidades ademais de promover entre o público o coñecemento mediante testemuños reais desta realidade de cara a eliminar barreiras e contribuír á inclusión social.  O proxecto busca tamén fortalecer, recoñecer e valorar o traballo que realizan desde asociacións e fundacións que traballan polo benestar de persoas con distintas capacidades. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias