O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, avogou
hoxe por un polo loxístico, de transporte, turístico, de tecnoloxía e de innovación
entre Galicia e o Norte de Portugal para consolidar unha Eurorrexión “con
criterio e voz propia” dentro do Comité das Rexións.
Así, durante
un encontro coa dirección da Asociación Comercial de Porto, o titular do
Goberno galego apostou nun primeiro termo por potenciar o comercio de
proximidade, con promocións conxuntas e coa creación de vínculos entre mercados
e prazas de abastos para o intercambio de produtos locais. E, no eido da
industria 4.0, suxeriu crear grupos de traballo e cooperación entre empresas e
centros tecnolóxicos e de investigación, “que permitan mellorar a
competitividade das nosas industrias”.
No ámbito da
innovación, Feijóo recordou que a Estratexia de innovación e desenvolvemento
transfronteiriza (RIS3T) aspira mobilizar 360 millóns de euros en proxectos de
innovación ata 2020. E salientou que a primeira convocatoria do Programa
Interreg (Poctep) recibirá 90 millóns de euros dos 243 millóns asignados para
toda a fronteira hispano-portuguesa, o que permitirá desenvolver durante os
próximos meses 45 proxectos innovadores.
O
responsable do Executivo autonómico subliñou que Galicia e o Norte de Portugal
levan 25 anos de colaboración, demostrando que a superación de fronteiras e a substitución
de muros por pontes é unha opción de éxito, como proba, por exemplo, a
cooperación no eido local, a través das eurocidades Verín-Chaves e Tui-Valença;
en materia de universidades, co programa Iacobus, e tamén en campos como o
medio ambiente, coa xestión conxunta do Parque Natural Transfronteirizo Gerês-Xurés.
“Hoxe temos,
practicamente, un mesmo territorio cunha fronteira inexistente porque temos
infraestruturas que vertebran as vilas e provincias fronteirizas; estamos
colaborando no eido universitario e da investigación, e temos en consecuencia
un territorio europeo que pertence a dous países —España e Portugal— con 6
millóns de habitantes”, abundou, facendo fincapé en que entre os dous
territorios lindeiros ten que haber competencia leal e cooperación honesta.
Feijóo
incidiu en que “a nosa Eurorrexión” deu un paso decisivo ao superar a idea de
que competir e cooperar son termos contraditorios, de que a competencia leal
ensombrece as boas relacións entre territorios. “A nós interésanos que o Norte
de Portugal vaia ben e estou seguro de que ao Norte de Portugal tamén lle
interesa que Galicia vaia ben”, precisou, ao que engadiu que o país veciño é,
despois de Francia, o segundo lugar de exportacións da Comunidade galega.
Galicia, unha comunidade solvente e segura
O titular da
Xunta concluíu a súa intervención subliñando que grazas ao modelo de
responsabilidade desenvolvido nos últimos anos Galicia é unha comunidade
solvente e segura: “Segura para vivir, porque ao longo destes anos fomos quen
de seguir mellorando os nosos servizos públicos. Segura para investir, porque
ser solventes xera confianza e credibilidade a aquel que queira apostar pola
nosa terra para emprender. E segura para traballar, xa que estamos logrando que
sectores que se viran castigados polas dificultades económicas estean
rexurdindo con forza”.
Feijóo
afirmou que Galicia é hoxe unha aposta segura por todo iso e sobre todo porque
ten futuro, como proban os indicadores económicos. Non en van, o cadro
económico dos Presupostos de 2017 prevé para este ano un crecemento do PIB do
2,4% e a creación de 20.000 novos empregos.