El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Nacional

Galicia contará coa primeira Lei de portos autonómica

20-04-2017 17:22:32
O presidente da Xunta, Núñez Feijóo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a remisión ao Consello Económico e Social da primeira Lei de portos de Galicia, un texto que, segundo lembrou, quedou pendente na pasada lexislatura e que permitirá mellorar e axilizar os servizos portuarios dos 122 peiraos dependentes da Administración autonómica.

“Estamos a falar dunha normativa necesaria pola importancia cuantitativa dos peiraos de titularidade autonómica; necesaria para adaptar a lei estatal ás diversas particularidades dos portos de competencia da Xunta; e necesaria para prepararnos ante os retos que están a experimentar os portos, como a progresiva apertura a distintos investidores”, aseverou. 

Nun primeiro termo, Feijóo salientou a vontade de consenso coa que nace esta normativa, co obxectivo de que sexa o máis representativa posible. Así, este texto contén achegas recollidas nunha xornada de posta en común sobre as directrices que deben rexer esta futura normativa, á que asistiron máis dun centenar de representantes da comunidade portuaria -do sector profesional, do empresarial e comercial e da náutica recreativa-.

Ademais Portos de Galicia informou sobre o transcurso de elaboración deste texto a Costas do Estado, Portos do Estado, ao Instituto de Estudos do Territorio e a Fegamp, entre outros órganos.Durante a rolda de prensa, o titular do Executivo galego precisou que o novo texto busca, entre outros obxectivos, axilizar os trámites nas concesións para darlle maiores garantías aos inversores e así dar un papel decisivo á participación dos emprendedores na actividade portuaria do presente e o futuro.

Con este obxectivo, simplifícase o acceso para a prestación de servizos públicos a través das concesións, coa previsión de que o procedemento pase dos 4 meses actuais a un mes. E o réxime de contrato para os servizos portuarios como son o amarre e o remolque queda substituído polo de licencias administrativas en réxime xeral de liberdade de acceso aos prestadores de servizos portuarios.

Nesta mesma liña, o documento contempla tamén a ampliación do prazo das concesións, que pasarán de 30 a 50 anos. A nova normativa afonda ademais na transparencia no procedemento de concesión de servizos públicos portuarios, ao recuperar o trámite de competencia de proxectos de solicitudes de concesións. Deste xeito, á hora de decidir cal é o mellor proxecto para os intereses públicos portuarios contarase con información completa. 

Por outra banda, a lei tamén axilizará a retirada de buques abandonados e a de vehículos e outros obxectos en terreo portuario. Considerará buques abandonados a aqueles que permanezan durante máis de seis meses atracados, amarrados, ancorados ou depositados en seco no mesmo lugar dentro do porto, sen actividade apreciable, e sen ter aboado as taxas correspondentes. E, no caso de vehículos, maquinaria e obxectos en xeral, Portos de Galicia tamén poderá declaralos en situación de abandono sempre que permanezan no ámbito do dominio público portuario por un período superior a un mes no mesmo lugar e presenten condicións que permitan presumir racionalmente a situación de abandono.

En relacións á axilización dos prazos de autorizacións de atraque, Feijóo subliñou que o novo documento abrirá un prazo de presentación de solicitudes que non será superior a 15 días hábiles.Así mesmo, trala adxudicación, no caso de que non foran suficientes as prazas, haberá unha lista de espera para cada un dos portos e instalacións de titularidade autonómica.

O texto prevé ademais a figura de plans directores de infraestruturas dos portos para planificar a dotación de proxectos de obras e de instalacións durante un horizonte temporal dun mínimo de 5 anos. Con estes documentos analizaranse as situacións actuais dos portos, estrutura do tráfico e das actividades portuarias e as súas necesidades de desenvolvemento, entre outras cuestións.

No tocante á creación dos plans especiais que recolle o sistema de cada porto e as actividades que se poden desenvolver nel, Feijóo subliñou que estes incluirán as medidas e previsións necesarias para garantir unha eficiente explotación do espazo portuario e a súa conexión cos sistemas xerais de transporte terrestre.

Logo de subliñar que se reforzará tamén a figura do gardapeiraos ao atribuírlle carácter de axente de autoridade, o presidente da Xunta salientou que, en materia de prevención e loita contra a contaminación, a lei recollerá a prohibición no dominio público portuario de calquera tipo de vertido contaminante, sólido, líquido ou gasoso e a obriga de que os responsables dos vertidos procedan á plena rexeneración das augas.

Feijóo concluíu incidindo en que esta normativa permitirá axilizar o funcionamento da administración portuaria galega, axilizar trámites aos investidores que decidan participar na actividade portuaria de Galicia, mellorar as condicións das dársenas e das instalacións portuarias e asegurar o normal funcionamento dos traballos dos usuarios dos portos garantindo a máxima seguridade posible.Imaxes relacionadas





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias