El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

EMPRESAS NON AGRARIAS

As novas axudas suporán un investimento inducido no rural galego de 12,2 millóns

21-04-2017 13:04:20

A Xunta convocará en breve novas liñas de axuda para empresas non agrarias situadas no rural galego. Destinará un total de 5,5 millóns de euros a esta finalidade, case un 60% máis que o pasado ano (na anterior convocatoria o orzamento fora de 3,5 millóns). Así se recolle nun informe da Consellería do Medio Rural avaliado onte polo Consello do Goberno galego, como paso previo á próxima publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Na anterior convocatoria o investimento inducido a través destas subvencións no agro galego situouse arredor dos 7,5 millóns de euros. Para esta convocatoria de 2017, contabilizando as dúas liñas de axuda (maquinaria e obra civil), a previsión de investimento inducido é duns 12,2 millóns de euros.

Este ano, como novidade, as achegas convocaranse en dúas quendas, para facilitar a tramitación destas axudas destinadas a pequenas empresas. En primeiro lugar, sairán proximamente no DOG as subvencións para compra de maquinaria e bens de equipo, por un importe total de 2 millóns de euros. A continuación, publicaranse as relativas ao apoio de investimentos en obra civil, coa que mellorar, ampliar ou modernizar as súas instalacións. Será cun orzamento de 3,5 millóns de euros.

Estas achegas enmárcanse no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia e forman parte do Plan de fixación da poboación impulsado polo Goberno galego. O seu obxectivo é dinamizar o rural, reforzando a aposta polo sector primario cun apoio específico para aquelas actividades non agrarias que favorecen unha diversificación económica destas zonas, coa conseguinte creación de riqueza e emprego.

Así mesmo, preténdese fomentar a vertebración socioeconómica do territorio rural, compaxinando a actividade agraria coa economía dos sectores secundario e terciario, de xeito que o agro sexa un lugar de oportunidades laborais e esta unha vía para loitar contra o despoboamento.

Na selección dos proxectos que recibirán estas axudas, teranse en conta criterios como a súa localización, primando os concellos situados en zonas de montaña, e a tipoloxía do promotor, dándolle prioridade aos promovidos por mulleres, menores de 35 anos e parados maiores de 55 anos, así como persoas con discapacidade. Tamén se avaliará a tipoloxía do proxecto e o número e calidade dos empregos creados.


Emprego

En canto á creación e consolidación de emprego, estas axudas fixeron posible na anterior convocatoria manter máis de 370 postos de traballo e crear outros 110, é dicir, incidiron de xeito positivo en preto de 500 empregos. As iniciativas apoiadas teñen que ver con diferentes sectores económicos, que van desde o Turismo ata a pequena industria téxtil, pasando pola construción ou as dotacións de carácter social. Así, apoiouse un proxecto de Turismo ecuestre na localidade luguesa da Fonsagrada, a modernización dun almacén para materiais de construción no Barco de Valdeorras (Ourense), unha liña de fabricación de bolsos de pel en Dodro (A Coruña) ou un centro de día en Redondela (Pontevedra).





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias