El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A nova edición do certame Feiraco-Letras Galegas convida a toda a cidadanía a festexar o 17 de maio

21-04-2017 23:07:09

A nova edición do Certame de Microrrelatos Feiraco-Letras Galegas 2017 convida a toda a cidadanía a festexar o 17 de maio por sexto ano consecutivo. Impulsada pola cooperativa láctea galega que agora integra Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, no marco das súas accións de responsabilidade social corporativa, a iniciativa busca renderlle tributo desde o ámbito da empresa ao autor homenaxeado este ano pola Real Academia Galega, Carlos Casares, e facer partícipe da celebración a todos os galegos e galegas.

Así o deron a coñecer hoxe ao mediodía o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o vicepresidente de CLUN, José Montes, acompañados polo administrador da Fundación Carlos Casares e fillo do escritor, Håkan Casares, nunha rolda de prensa na que o titular de Política Lingüística quixo destacar “a aposta de Feiraco coa lingua e coa cultura propias, un compromiso firme e decidido con Galicia que posiciona a Feiraco na vangarda das empresas ou entidades que desde o ámbito económico deciden contribuír á promoción do uso do idioma a través da responsabilidade e a innovación social para facer del un importante activo empresarial e un valor engadido”.

García Gómez recordou que Feiraco participou na elaboración do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico aprobado pola Xunta de Galicia o pasado ano e que contribúe activamente ao seu desenvolvemento a través de diversas accións que inciden na dinamización social do idioma desde o sector que lle é propio.

O certame incorpora este ano como novidade, ademais da categoría de persoas adultas (desde os 19 anos de idade) unha categoría de participación xuvenil (dos 13 aos 19) co obxectivo de contribuír á dinamización lingüística entre a mocidade desde a creación literaria.  A aplicación desde a que se pode participar, xa está dispoñible no web www.feiraco.gal.


Certame de Microrrelatos Feiraco-Letras Galegas 2017

Para participar no Certame de Microrrelatos Feiraco-Letras Galegas 2017 cómpre compartir na aplicación do concurso aloxada no web do concurso un relato orixinal, escrito en galego, que comezará coa seguinte frase de Carlos Casares "E ali estaba, sentado nun sillón azul...", pertencente á obra casariana Deus sentado nun sillón azul, e non superar os 500 caracteres nos que se inclúan tanto espazos como a frase inicial proposta.

Todas as persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden consultar as bases legais do certame en poden xa www.feiraco.gal e terán que enviar os seus microrrelatos desde hoxe ata o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. Un xurado conformado por escritores, membros de Feiraco e da Secretaría Xeral de Política Lingüística serán os encargados de avaliar os microrrelatos participantes para escoller os/as gañadores/as desta edición valorando a orixinalidade e creatividade da historia, a coidada redacción e o uso correcto da lingua galega.

De entre as persoas participantes, seleccionaranse un total de seis, tres por categoría, que se darán a coñecer o 5 de xuño no mesmo web da marca. Os primeiros premios de cada categoría recibiran cadanseu exemplar da Enciclopedia galega universal e os catro restantes un lote de títulos de literatura galega cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como un lote de produtos Feiraco.


Compromiso con Galicia e cos seus valores

Esta iniciativa, que se enmarca na programación institucional das Letras Galegas 2017 posta en marcha pola Consellería de Cultura en colaboración con outras entidades, reflite o compromiso de CLUN co idioma propio deixando constancia da súa plena identificación con Galicia. A cooperativa nacida da unión de Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños, identíficase coa vida no rural tanto nos seus valores coma nos métodos de traballo, que tenden a vertebrar o tecido social e o desenvolvemento económico nas actividades con proxección social que leva a cabo en Galicia.

As cooperativas que forman CLUN dedícanse principalmente á fabricación de piensos, tenda agrícola e prestación de servizos aos seus socios e socias, así como á recollida, envasado e distribución de leite e derivados lácteos, coas mellores marcas como insignia: Feiraco, Únicla, Clesa e os queixos Arquega Senso. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias