El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

CO APOIO DA XUNTA

O Festival de Cans celebra a súa XIV edición do 24 ao 27 de maio

09-05-2017 20:07:57
Presentación do Festival de Cans.

O Porriño.- Profesionais dos sectores audiovisual e musical, veciños e afeccionados de toda Galicia daranse cita do 24 ao 27 de maio no Festival de Cans, que hoxe presentou o programa da súa décimo cuarta edición. A Xunta de Galicia volve colaborar economicamente coa organización do certame, que se celebra na aldea do Porriño da que toma o seu nome.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e mais o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañaron nesta presentación os responsables do certame que organiza a Asociación Cultural Arela e os representantes do resto de entidades e empresas colaboradoras.

Xunto co carácter lúdico e veciñal que converte este festival nun dos eventos culturais máis peculiares de todos os que cada ano se celebran en Galicia, o director da Agadic destacou tamén o papel de Cans como plataforma de difusión e impulso das realizadoras e realizadores galegos.

Este ano son 16 as curtametraxes seleccionadas na sección oficial a concurso, da que a organización destaca a paridade numérica entre as pezas realizadas por mulleres e por homes, mentres que no apartado de animación presentaranse outras seis curtas cunha forte presenza de novos creadores. Ademais, os videoclips gañan protagonismo, con 19 traballos en competición.

En canto ás longametraxes, Cans estreará A historia dun satálite, de Also Sisters, e o documental sobre o naufraxio do Prestixe Mar de fondo, de Dani Guzmán, ademais de contar con Manane Rodríguez para afondar no proceso de realización do seu filme Migas de pan na sección Rebobinando, entre outras proxeccións.


Audiovisual e música

O Festival de Cans avanza, así mesmo, na súa aposta polo diálogo entre a música e o audiovisual, con propostas como a exhibición de Frágil equilibrio, gañador este ano do Goya ao mellor documental, acompañada dunha actuación de Uxía, intérprete do tema deste filme que estivo nomeado á mellor canción orixinal nestes mesmos premios.

Seguindo neste apartado, o certame rescatará prezas audiovisuais do grupo Radio Océano, estreará o novo vídeo de Terbutalina e ofrecerá unha retrospectiva dos mellores clips de Eladio y los Seres Queridos. As tres bandas forman parte, igualmente, da carteleira de máis de 25 concertos que acolle o festival e na que se atopan outros grupos como León Benavente, Corizonas, Familia Caamagno, Adrián Costa & The Criers, Cora Sayers, Roger de Flor e Os Silvestres, Os Carunchos, Electric Feels, Escuchando Elefantes ou Trío Acivro.


Convidados e homenaxes

Tamén son seccións habituais do festival o Coloquio na Leira, que este ano estará protagonizado polo cineasta Montxo Armendáriz, ou Fill@s de Cans e A que andas?, nas que se ofrece un avance de proxectos audiovisuais galegos que se atopan en diferentes fases de desenvolvemento e de produción.

No capítulo de homenaxes, o actor Miguel de Lira recibirá o Premio Pedigree, mentres que os chimpíns de prata irán para o director Jorge Coira e para o veciño de Cans Feliciano Bernárdez, “Xano”. Tamén hai nomes ben coñecidos do audiovisual galego no xurado da sección oficial, integrado por Luisa Romeo, Mara Torres, José Antonio Quirós, Sonia Castelo, Diana Toucedo, Alfonso Zarauza e César Goldi.

Esta ampla programación complétase con outras seccións habituais como MiniCans e Cans do futuro para o público infantil e xuvenil, a ruta CansSonoro con Xurxo Souto, a Can Parade para descubrir novos valores artísticos de Galicia ou a ollada gastronómica cara á sétima arte con Tapas de cinema, entre outras moitas actividades.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias