El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Nacional

POLÍTICA | PPdeG

O sábado comeza o I Torneo de Debate dos populares galegos

11-05-2017 21:53:03

O Partido Popular de Galicia celebrará este sábado a primeira edición do seu Torneo de Debate, no marco da súa aposta pola formación constante dos seus cargos públicos, afiliados e simpatizantes. Inscribíronse no evento 16 equipos de entre dous e catro membros cada un, enchendo o cupo máximo de prazas que ofrecía o evento. Está previsto que nel participen preto dun cento de persoas, entre oradores e xuíces, polo que a xornada matutina se terá que desenvolver nun hotel próximo á sede autonómica.   

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, quixo destacar que “este período sen convocatorias electorais inminentes é idóneo para realizar actividades de formación”. Incidiu en que a comunicación en xeral é fundamental para o desempeño da política e a mellora das capacidades de oratoria é unha boa ferramenta para expresar mellor as ideas. “Moitas veces queixámonos de que en momentos puntuais non soubemos explicar a nosa xestión, e esta é unha boa maneira de comezar a corrixilo”, recalcou.   

Escolleuse un Torneo de Debate como método de aprendizaxe porque “este formato require de investigación, reflexión e unha grande dose de empatía para familiarizarse cunha postura e coa súa contraria”. Ademais, puntualizou que “o debate de competición está en auxe en Galicia e no resto de España e ten unha compoñente lúdica que o fai aínda máis interesante nestes momentos”.     

Dada a boa acollida inicial deste evento, cuxa final está prevista para a tarde do sábado nas instalacións do partido, os populares galegos estudan a posibilidade de dar continuidade no tempo a este tipo de sesións formativas sobre oratoria e debate. Alén disto, os populares traballan en actividades de cara aos próximos meses en eidos como o manexo de redes sociais ou o dereito administrativo aplicado á xestión local. 


Dinámica do Torneo

O I Torneo de Debate do PPdeG celebrarase baixo as normas do coñecido como modelo de debate académico, no que os participantes preparan un tema determinado de antemán, pero non saben se lles toca defender unha postura A Favor ou En Contra ata un minuto antes de comezar o debate.   

A estrutura do Torneo é similar á dunha competición deportiva, cunha fase de grupos onde todos os equipos se enfrontan entre si e os mellores acoden ás semifinais e á final. Ademais do recoñecemento colectivo ao equipo que resulte vencedor, haberá un premio individual para o mellor orador ou oradora do evento.   

O vencedor de cada debate elíxeo un xurado, puntuando cuestións concretas como a capacidade argumental, a creatividade ou o manexo da lingua dos diferentes equipos.  

Entre o equipo de xuíces do torneo atoparanse cargos públicos e dirixentes autonómicos como o propio Miguel Tellado; o portavoz parlamentario, Pedro Puy; a viceportavoz, Paula Prado; ou o novo presidente nacional de Nuevas Generaciones, Diego Gago; así como numerosos expertos en oratoria e debate de competición. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias