El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

Portos de Galicia incrementa nun 20% o tráfico de mercadorías

11-05-2017 22:50:16

O tráfico de mercadorías nos peiraos autonómicos superou os 7,4 millóns de toneladas de mercadorías entre xaneiro de 2013 e decembro de 2016. Así o comunicou o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, en resposta a unha pregunta parlamentaria formulada esta mañá na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo.

Durán Hermida explicou que este incremento supón unha suba media do 20% respecto á media de tráficos das lexislaturas anteriores das que se teñen rexistro, é dicir, entre 1999 e 2012. Así mesmo, vinculou estas cifras ao investimento focalizado realizado por Portos de Galicia nos portos comerciais de carácter estratéxico. Neste sentido, lembrou as obras de ampliación executadas nos peiraos de Brens e Ribadeo, cun investimento de 18 e 6 millóns de euros, respectivamente, que permitiron aumentar de xeito determinante a capacidade comercial de ambos portos.

Nunha análise pormenorizada do período referido, 2013-2016, Durán explicou que os tráficos comerciais e pesqueiros alcanzaron os máximos nos exercicios 2013 e 2014. No primeiro semestre de 2015 produciuse unha caída da actividade que pola contra quedou invertida coa suba rexistrada no segundo semestre. Polo que respecta ao ano 2016, os tráficos pesqueiros e comerciais mantiveron niveis de consolidación achegándose de novo a valores de 2013.

En canto aos peiraos de maior actividade comercial foron, durante todo o período referido, os de Ribadeo, Cariño e Cee, alternándose nas tres primeiras posicións en función dos anos. Polo que respecta ás mercadorías cargadas e descargadas nestes 3 portos foron, respectivamente, a pasta de papel, a dunita e o mineral de manganeso.

Finalmente, o presidente de Portos aludiu tamén ao tráfico de embarcacións en tránsito, embarcacións transeúntes que recalan de xeito puntual nos portos deportivos galegos. Esta actividade mantivo entre 2013 e 2016 unha tendencia permanente á alza, pasando de 7.013 en 2013 a 8.205 no exercicio 2016, o que supón un incremento de preto de 1.200 barcos, que porcentualmente significa un 28% máis.


Máximo histórico en 2013

Por anos, Durán reseñou que os mellores resultados rexistráronse no 2013, cando o movemento de mercadorías nos portos autonómicos acadou o seu récord histórico ao superar os dous millóns de toneladas. O balance de actividade de carga e descarga ao peche do exercicio rexistrou un movemento de 2.085.487 toneladas de mercadorías. En canto ao 2014, os peiraos comerciais de titularidade autonómica moveron durante todo o ano un total de 2.025.184 toneladas de mercadorías, unha cifra moi similar á que no exercicio anterior marcara o récord histórico.

Polo que respecta ao 2015, Portos de Galicia rexistrou un movemento de mercadorías total de 1.603.040 toneladas. No primeiro semestre deste ano produciuse unha caída da actividade e no segundo semestre a evolución recuperou o sentido positivo.

Finalmente, o tráfico portuario de mercadorías nos peiraos autonómicos recuperou no que vai de ano 2016 a súa tendencia á alza e rexistrou nos primeiros 10 meses un incremento interanual do 5,6%, situándose a 31 de outubro nos 1,4 millóns de toneladas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias