El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

CONCELLO DE FRADES

David Santos e Paula Mayobre gañan a IV Carreira Pedestre de Frades

14-05-2017 13:56:54
O atleta David Santos.

Os atletas David Santos Domínguez (Verxel Nutrición Deportiva) e Paula Mayobre González (Club Atletismo Clínica Dental Seoane Pampín) foron os gañadores da cuarta edición da Carreira Pedestre do Concello de Frades, que congregou onte a 286 atletas e a varios centos de veciños e afeccionados ao atletismo en Ponte Carreira (Frades). Unha carreira que estivo marcada polas malas condicións climatolóxicas, xa que choveu debilmente nas probas dos máis pequenos pero a intensidade das precipitacións foise incrementando segundo pasaba o tempo. Especialmente forte foi a tromba de auga que caeu durante a proba absoluta, que a endureceu moito para os atletas.   

De feito, o mal tempo propiciou que dos 372 corredores inscritos tan só 286 tomaran a saída. Despois de tres anos seguidos conseguindo subir ao podio, finalmente o ordense David Santos proclamouse por primeira vez gañador absoluto cun tempo de 26 minutos e 48 segundos en cubrir os 8,6 quilómetros da proba. Unha carreira que dominou en solitario dende os primeiros 500 metros e que lle permitiu sacar case dous minutos ao segundo clasificado a pesar de que na liña de meta se parou para bicar á súa parella e mesmo facer os últimos metros acompañados por varios nenos e baixo unha forte treboada.   

O segundo posto foi para Amador Pena Torreira (Club Deportivo Vagalume Energía) cun tempo de 28 minutos e 38 segundos. Completou o podio Jacobo Gesto Lago (Marineda Atlético) cun tempo de 28 minutos e 43 segundos. Tamén recibiron premio en metálico Miguel Penedo Taboada (3&Run by Pedro Nimo) e Javier Campos Suárez (USC).


Categoría feminina

Na categoría feminina Paula Mayobre González, segunda en 2016, volveu subir ao máis alto do podio de Frades. A atleta de Ares chegou nun meritorio posto 14 da proba absoluta, cun tempo de 30 minutos e 42 segundos. Deste xeito, Mayobre suma tres victorias da Carreira Pedestre de Frades.   

A segunda foi Rocío Alvite Ferreiro (Atletismo Sar-Vermú Petroni), cuarta na pasada edición. Fixo un tempo de 31 minutos e 3 segundos, chegando no posto 17 da xeral. Completou o podio outra habitual desta carreira: Raquel Suárez Pedrosa (Ría de Ferrol), quinta clasificada en 2016 e que este ano foi terceira cun tempo de 31 minutos e 56 segundos. Tamén recibiron premio María Carmen Penas Blanco (Club Deportivo Vagalume Energía) e Aurea Retamal Muñiz (Clube Atletismo Milladoiro), como cuarta e quinta clasificadas.   

Ademais dos correspondentes trofeos, estes dez primeiros clasificados de ambas categorías levaron uns premios en metálico de 300, 200, 100, 75 e 50 euros, respectivamente. O gañador da proba por equipos foi por segundo ano consecutivo o Club Atletismo Milladoiro, seguido polo Club Atletismo Sar Vermú Petroni e o Club Deportivo Vagalume Energía, que se repartiron uns premios de 200, 100 e 75 euros, respectivamente. O mellor club feminino foi o Club Atletismo Sar-Vermú Petroni, que levaron 150 euros.   

Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen estivo acompañado polos concelleiros de Deportes, Jesús Miguel Prado; Maiores, Jesús Francos;  Medio Ambiente, Juan Carlos Portos; Servizos Sociais, Ángeles Álvarez; Infraestruturas, Ramón Garabato; e Xuventude, Óscar Botana. Roberto Rey agradeceu o bo traballo desempeñado pola Federación Galega de Atletismo e Emesports, así como a colaboración dos membros de Protección Civil de Ordes e Ambulancias Nordés, que permitiron que a proba se desenvolvese sen incidencias. Así mesmo, agradeceu a colaboración prestada pola Xunta de Galicia, que repartiu leite galego a través da campaña Galega 100%, e polos patrocinadores da proba: Deputación da Coruña, Pepsico, Feiraco, Erimsa, Infantilandia, Cooperativa Central de Frades, Camba SL, Froitería A Nova, Bar Vilariño, Centro de Fisioterapia e Rehabilitación Jessica Gómez, Supermercados Claudio (María Vázquez Pardo), Correrengalicia e Carreirasgalegas.   

Roberto Rey, Jesús Miguel Prado e Ángeles Álvarez fixeron entrega de medallas e lambonadas a todos os participantes nas probas escolares. Todos os atletas levaron unha camiseta de agasallo e desfrutaron dun avituallamento en meta a base de auga, bebidas enerxéticas, leite e froita, cortesía dos patrocinadores da proba, así como chocolate quente, moi agradecido nunha tarde fría e chuviosa como a de onte. Ademais dos tradicionais servizos de ducha e roupeiro, os participantes que o precisaron puideron gozar tamén dun servizo de fisioterapia totalmente de balde. Departamento de comunicación  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias