El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DO 13 AO 16 DE XUÑO

Oliver Laxe ofrece un curso e programa un ciclo no CGAI

14-05-2017 16:29:41

A Coruña.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) acollerá do 13 ao 16 de xuño o obradoiro Aromas de Mimosas, impartido polo cineasta coruñés Oliver Laxe. As sesións, para as que xa está aberta a inscrición no web www.cgai.org, centraranse no proceso creativo da última longametraxe do director, gañadora da Semaine de la Critique de Cannes en 2016.

Mimosas é a historia dunha expedición a través do Atlas marroquí para levar os restos mortais dun home venerado ao seu sagrado lugar de repouso. A fita, que contén influencias de varios referentes do cine moderno, do que Laxe é herdeiro, obtivo unha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a súa produción.

Laxe compartirá cos asistentes diversas versións do libreto do filme, para ver como evolucionou e que elementos destes referentes que manexa son identificables en Mimosas. Na sesión do venres 16 acompañarao Santiago Fillol, co-guionista.

No marco do curso, programou tamén para o CGAI un ciclo de catro películas que o marcaron dalgún xeito á hora de concibir Mimosas. Así, analizará dende a súa perspectiva os filmes Francisco, juglar de Dios, de Roberto Rosselini; Andrei Rublev, de Andrei Tarkovski; La isla desnuda, de Kaneto Shindô; e Carretera asfaltada en dos direcciones, de Monte Hellman, ofrecendo unha lectura persoal destas obras e reflexionando sobre como o influíron.


Copias de óptima calidade

O CGAI esforzouse por procurar as mellores condicións de proxección, colaborando con institucións internacionais como a Cineteca Nazionale italiana para conseguir as mellores copias destes clásicos do cine moderno. Así, as que se exhibirán son orixinais perfectamente preservadas ou, no seu defecto, restauracións realizadas en formato dixital de alta resolución.

As proxeccións das películas elixidas polo cineasta están abertas ao público nos horarios habituais da filmoteca. A programación completa pode consultarse no web do CGAI, onde tamén se explica o procedemento para inscribirse no obradoiro, de balde ata completar a previsión de 50 prazas dispoñibles.

Aromas de Mimosas desenvolverase cada día de 16,00 a 20,00 horas, con excepción do mércores 14, que rematará media hora antes debido á longa duración de Andrei Rublev, película se proxecta ao termo do curso. As proxeccións non se inclúen no obradoiro, mais recoméndase aos asistentes que acudan, polo que se lles ofrece a entrada libre a todas elas xunto coa matrícula.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias