El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

Galicia encabeza a exportación de produtos do mar en España

16-05-2017 15:18:45

Galicia é a principal comunidade autónoma española en exportación de produtos do mar e representa máis do 30% do total do volume de exportacións destes produtos de España, exceptuando os peixes secos, salgados e afumados. Así o destacou hoxe en Santiago a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a clausura da xornada Novos mercados para os produtos pesqueiros galegos, organizada pola Consellería do Mar.

A conselleira destacou neste eido o potencial da industria conserveira galega, pois “a nosa capacidade exportadora medra de ano en ano, ata chegar arredor do 80% das exportacións deste tipo de produtos en España”, subliñou a titular de Mar. Neste sentido, destacou o incremento no 2016 do 7% do volume de exportacións e dun 10% no seu valor con relación ao ano anterior.

De aí, sinalou, a aposta da Consellería do Mar “por un futuro ligado á industria de transformación dos produtos do mar, cun apoio de case 100 millóns de euros que o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca pon a disposición das empresas ata o 2020”. Esta aposta, explicou, pasa por incrementar a competitividade dos produtos galegos do mar nos mercados nunha tripla vía. 

Unha das vías, expuxo Rosa Quintana, é a do apoio ao aproveitamento de produtos de alta calidade dirixidos a mercados gourmet. A segunda pasa pola procura de valor engadido para os subprodutos da pesca e os descartes e a terceira vía é a de reforzar as actividades de promoción dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura, co obxecto de manter a posición das empresas galegas nos mercados tradicionais e acceder a outros mercados.


Participación en feiras

Neste cometido, a titular de Mar salientou a importancia da promoción das empresas galegas do sector pesqueiro e acuícola a través de accións “que repercuten favorablemente no desenvolvemento e ampliación do Valor Engadido Bruto.” Unha acción prioritaria, subliñou, é a participación en certames feirais nacionais e internacionais “para dar a coñecer os produtos locais galegos e mellorar a comercialización das distintas producións alimentarias vinculadas ao mar”.

De aí, destacou, o investimento realizado pola Consellería do Mar no período 2010-2015, que superou os 8 millóns de euros e, no 2016, foi de máis de 2 millóns de euros, co apoio do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Todo isto, indicou Rosa Quintana, concretouse na participación da Consellería do Mar en máis de 70 edicións feirais e puxo como exemplo os casos de feiras máis recentes nas que estivo presentes a Xunta, como Tutto Food Milán ou a Seafood de Bruxelas.

A presenza das empresas galegas nestes certames, puntualizou, permite incrementar as liñas de negocio e a capacidade exportadora, establecer ou ampliar a rede de contactos e os acordos comerciais e tamén coñecer as innovacións do sector. En definitiva, concretou Rosa Quintana, “afianzar a posición no mercado da industria galega”.

A conselleira sinalou que para avanzar neste camiño da mellora da comercialización é fundamental “ir da man do sector”. Neste sentido emprazou a todos a fortalecer esta vía nos mercados do exterior, porque isto require “estar dispostos a perseguir ambiciosos obxectivos e amplos compromisos”. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias