El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

XINZO DE LIMIA

Feijóo preside a sesión plenaria da RAG con motivo do Día das Letras Galegas

17-05-2017 12:52:00
Núñez Feijóo, en Xinzo de Limia.

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu en Xinzo de Limia a sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega con motivo do Día das Letras Galegas 2017. 


Intervención do presidente da Xunta

Autoridades presentes,señoras e señores.

Aínda que dunha maneira distinta ao Balbino de Neira Vilas, Carlos Casares foi tamén un neno labrego. Sempre de a cabalo entre a vila e a aldea, a súa primeira paisaxe, xeográfica e tamén humana, está definida polas terras de Xinzo, de Beiro, Lamas ou Sabucedo.

Este é o seu Macondo, pero un Macondo galego e real poboado por xentes que sementaron nel o amor polo relato.

Sentiu dende neno que o noso era 'un país de palabras'. Esas palabras facían Galicia inmortal, e brotaban espontaneamente de persoas que, ás veces sen sabelo, sumaban primaveras ás logradas por Cunqueiro.

Carlos Casares foi un labrego das palabras. Recollíaas e sementábaas. A súa creación, tan fecunda, e a súa capacidade para chegar a todos os públicos, partía dese segredo.

Devolvía ao lector contos e palabras escoitados, e logo elaborados no seu inesgotable maxín. Seguramente poucas veces estivo tan próxima a cultura oral da literaria.

Casares non cedeu nunca diante da soberbia intelectual que leva a alongarse do popular para achegarse a un suposto Olimpo. O Olimpo literario ao que aspirou durante toda a súa vida estaba en lugares coma este, non rodeado de deuses, senón de compatriotas.

O falar e o escribir fundíanse na súa personalidade. Era un escritor que conversaba e un conversador que escribía.

Lembran os amigos que, durante as veladas compartidas, as palabras máxicas que abrían o tesouro da conversa eran: 'Carlos, ¿que contas?'. El contaba e recontaba, creando unha atmosfera que trasladaba a todos aos tempos en que o conto se escoitaba nas lareiras, nos adros ou eiras, cun respecto case que relixioso. 

Aprendeu aquí, e tamén no cenáculo ourensán de Vicente Risco, e na pequena ágora compostelá de Ramón Piñeiro, e nas tertulias con Torrente Ballester, un arte que poderiamos chamar socrático, baseado no diálogo e na tolerancia.

Forma con eles e con moitos outros galeguistas unha 'conspiración' pacífica para erguer a nova Galicia, non sobre dogmas, senón sobre palabras, afectos e acordos. Foi Carlos Casares un escritor comprometido. O seu compromiso non se establece con ideas que dividen, senón con ideas que unen.

Ese espírito que impregna a súa vida trasládao ao seu pensamento sobre a lingua. 'Crieime nunha familia bilingüe sen saber que era bilingüe', dirá nunha conferencia.

El mesmo engadirá con ese humor tan seu, que contribuiría a aumentar o fermoso 'galimatías' idiomático casando cunha muller, Kristina Berg, que traía consigo a alongada cultura sueca. Sentímola aquí connosco. Amou o seu home e amou fondamente Galicia, a 'Dona Galicia', como ela diría.

A partir desa premisa, Carlos Casares emprende un traballo que ten gabado axeitadamente o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes: a conquista de novos lectores para o galego.

Non escatimou xenio, tempo, nin esforzos. Dicía Julio Cortázar que o peor que lle pode ocorrer a un escritor é que o convertan en monumento. Estamos na praza de Carlos Casares, pero o noso escritor non é soamente unha praza ou un monumento.

A 'Galicia como tarefa' que reivindicaba Valentín Paz Andrade, adquire en Carlos Casares a súa máxima expresión. Narrativa, literatura infantil, traducións ao galego, ensaios, guías, artigos periodísticos. E sobre todo esas conversas que quedaron gardadas na mente e no corazón dos que o coñeceron.

Foi Casares un home optimista, e tamén o será en relación coa nosa lingua. Era o seu un optimismo da vontade e da intelixencia, que alertaba das consecuencias para o idioma dos cambios tecnolóxicos mal asimilados.

Adoitaba lembrar que a bifurcación en Galicia entre unha cultura oral e outra escrita, que se expresaron en diferentes linguas, arrinca coa implantación da imprenta. 'Un cambio tecnolóxico –dirá- que modificará a realidade cultural dunha maneira radical e transcendente'.

A era dixital equivale ao impacto do invento de Gutenberg, pero hoxe Galicia está provista de ferramentas que entón non tiña.

Hai institucións que velan pola lingua, lexislacións que a protexen, iniciativas que a fan presente en todos os ámbitos da vida, presenza activa no mundo poliédrico que chamamos xenericamente comunicación, e sobre todo unha consideración social sen precedentes que abrangue a todas as idades e ideas.

A teima de Carlos Casares por ver no galego que non emprega a lingua propia de Galicia, non un inimigo que cómpre combater, senón un irmán que cómpre convencer, inspira o traballo inacabado da normalización.

Falabamos do compromiso de Casares, plasmado nunha obra literaria fecunda, pero tamén está o compromiso da súa participación como lexislador no primeiro Parlamento da historia democrática de Galicia.

Alí tendeu pontes que, entre outras cousas, fixeron posible unha Lei de normalización lingüística que tiña, e ten, como principal valor facer patente que a lingua galega é de todos e para todos. Nela cristalizou o galeguismo cordial e transversal. Con ela púxose a pedra angular da nosa convivencia.

Entendo que esa unidade esencial do noso pobo débelle moito á lingua. A lingua é un punto de encontro, unha herdanza, un código compartido e o instrumento para interpretar o mundo de acordo co que somos.

Somos un país diverso no que hai acordos e conflitos como en todas as sociedades modernas, pero onde sempre nos podemos agrupar ao redor de palabras comúns.

Así o veu aquel mozo chamado Carlos Casares que en 1963, no mesmo ano en que botou a andar o Día das Letras Galegas, invocou en Fonseca a Rosalía de Castro. Håkan Casares, o seu fillo, lembraba que aquí, en Xinzo, o seu pai foi verdadeiramente feliz. Esa felicidade que lle deron as terras da Limia está presente en toda a súa obra e transmítese ao seus lectores.

O Carlos Casares conversador, viaxeiro, colleiteiro de anécdotas, amigo dos trens, como todo bo galego, segue presente entre nós. Podemos seguirlle preguntando 'Carlos, ¿que contas?'. El contestará coa súa obra.Estamos na 'Galicia máis Galicia de todas as Galicias', onde non hai 'ventos feridos nin <tempos prohibidos>. Un país de palabras.

Moitas grazas. Enlace ao vídeo da intervención do presidente da Xunta





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias