El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

SANTIAGO | O MÉRCORES

A Xunta achega ás pemes os beneficios da industria 4.0

22-05-2017 10:35:10

A Xunta organiza o vindeiro mércores, en Santiago, unha xornada técnica do programa ReAcciona TIC co obxectivo de achegarlles ás empresas información detallada sobre o potencial de mellora competitiva vinculado á dixitalización e á conectividade, para a consecución de fábricas intelixentes e flexibles, concienciando ás pemes sobre os beneficios da Industria 4.0.

A xornada promovida a través do programa ReAcciona TIC, impulsado conxuntamente polo Igape e a Amtega, desenvolverase na sede do Igape (San Lázaro, s/n) a partir das 10 horas e contará coa implicación e a colaboración activa de CTIC Centro Tecnolóxico, que ofrecerá relatorios sobre o programa en xeral e, en concreto, sobre o servizo de posta en marcha de solucións de Industria 4.0 nas pemes galegas, así como demostracións prácticas das tecnoloxías 4.0.

O Igape e a Amtega activaron en datas recentes a segunda convocatoria do ano 2017 para a solicitude dos servizos do programa Re-acciona TIC, deseñado para impulsar a mellora da competitividade e a transformación dixital das empresas a través de diferentes servizos de empresa dixital e de industria 4.0, que estará aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 31 de maio. Para difundir as vantaxes que o programa pode achegarlles ás pemes, ambas entidades veñen colaborando no desenvolvemento de xornadas sectoriais que se centraron na dixitalización do turismo, na automoción, na construción e nas empresas TIC.A xornada do programa ReAcciona TIC centrada no achegamento ás pemes dos beneficios da Industria 4.0 está orientada a empresas do sector industrial ou de servizos á industria. Para asistir cómpre inscribirse no enderezo de correo electrónico comunicacion@reacciona.igape.com ou a través do teléfono 986 419 922 (ext. 2030).


Servizos de Empresa Dixital

No eido da empresa dixital, o Programa ReAcciona TIC está a ofrecerlles ás empresas galegas servizos de elaboración da diagnose para a aplicación de solucións dixitais, así como servizos de soporte á implantación de solucións dixitais de mobilidade, de mellora da xestión empresarial ou de marketing dixital. A Xunta busca contribuír así a mellorar o futuro das empresas galegas facilitando a incorporación de novas competencias e de tecnoloxías que lles permitan ás empresas gozar de vantaxes competitivas, da man dunha rede de axentes colaboradores integrada por empresas especializadas que as asesoran e acompañan no proceso.


Servizos Empresa 4.0

O programa ReAcciona TIC ofrece tamén un catalogo de solucións para impulsar a Empresa 4.0 con servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de produtos diferenciados e de calidade a través de novos modelos e procesos de deseño, creación e distribución. Así, as pemes poden acceder a asesoramento especializado para avaliar a súa capacidade e as oportunidades ao seu alcance para aplicar solucións de Industria 4.0 que lles permitan unha maior flexibilización, automatización e interconexión dos procesos produtivos.

Estes catálogos de servizos están cofinanciados pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, orientado a promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación e conseguir un tecido empresarial máis competitivo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias