El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Abre o prazo para solicitar as axudas á compra de libros de texto e material escolar

22-05-2017 11:52:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de abrir o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos para o vindeiro curso 2017/18.

Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170522/AnuncioG0164-120517-0005_gl.html ), o prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende mañá ata o próximo día 23 de xuño.

O importe total habilitado pola Consellería para o financiamento das axudas e do fondo solidario ascende a case 12,4 millóns de euros a razón de 5,5 millóns para os vales de material escolar, 4,6 millóns para as axudas de libros de texto, e 2,14 millóns para a adquisición –por parte dos centros educativos- de libros de texto complementarios aos existentes no Fondo Solidario, co fin de garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado cuxo nivel de renda lle dea dereito a dito fondo.


Destinatarios e tramitación

O vindeiro curso 2017/2018 o Fondo solidario de libros de texto estará accesible para o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. Nos restantes cursos -1º e 2º de educación primaria, e en educación especial- funcionarán as axudas para a adquisición de libros de texto. No caso do material escolar, convócanse axudas para a súa compra destinadas ao alumnado matriculado na educación primaria, ESO e educación especial.

As solicitudes poderá presentarse de xeito presencial nos propios centros docentes onde estea matriculado o alumno (con carácter preferente), ou ben nos rexistros oficiais establecidos para tal fin, co formulario cuberto e a documentación requirida.

No pasado curso a Consellería procedeu a integrar as tres modalidades (fondo axudas libros e axudas material) nunha única convocatoria, unificando tamén as fases de gravación, validación comprobación das solicitudes e documentación, o que simplificou tanto a actuación das familias como a xestión dos centros docentes (autonomía e flexibilidade para realización de trámites).


Fondo solidario

A asignación de libros de texto correspondente aos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e toda a etapa de ESO (1º, 2º, 3º e 4º curso) farase, ao igual que nos dous anos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terán preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

De darse o caso de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros complementarios que sexa necesario. O obxectivo é garantir que o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros e o que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) teña garantido o acceso a 6 libros, e que o que teña renda per cápita de entre 5.400,01 euros e 9.000 acceda a 4 manuais.

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario, ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros, ben utilizados do mesmo fondo o ano pasado, ben adquiridos con cargo á convocatoria de axudas para a compra de libros de texto.


Axudas para a compra de libros

Estas axudas da Consellería están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e o alumnado matriculado en Educación Especial. As contías, as condicións e os requisitos para a adquisición de libros de texto mantéñense invariables respecto do curso 2016/2017.

Así mesmo, mantense que, o alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 250 euros, con independencia da renda per cápita familiar.


Para o resto dos casos, os tramos de renda e as súas correspondentes axudas son as seguintes:

Educación Primaria:

Renda per cápita familiar ata 5.400,00 euros: 170 euros 

Renda per cápita familiar desde 5.400,01 ata 9.000 euros: 90 euros

Non obstante, os menores que se encontren en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirán a axuda máxima (170 euros), e non terán que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.


Axudas para material escolar

Os destinatarios das axudas para material escolar son todo o alumnado matriculado en educación primaria e de ESO cuxo umbral de renda per cápita familiar sexa igual ou inferior a 5.400 euros, e a contía da axuda será de 50 euros.

No caso do alumando en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.


Datos curso 2016/2017

No curso 2016/2017 concedéronse un total de 52.608 axudas á adquisición de libros de texto e 98.816 axudas para a adquisición de material escolar. Ademais, o fondo solidario de libros de texto distribuíu un total de 465.629 manuais, dos que só foi necesario adquirir o 13,73%.

Neste sentido cómpre agradecer ás familias a súa colaboración para o axeitado funcionamento do fondo solidario, que beneficia ao conxunto do sistema educativo. De feito, no curso 2016/2017, houbo 289 alumnos non puideron acceder ao fondo por non teren devolto os manuais esixidos do curso anterior.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias