El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

VIGO |

López-Chaves lamenta que Vigo dá as costas ao Plan de transporte metropolitano

23-05-2017 20:19:19
Ignacio López-Chaves.

Vigo.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, constatou hoxe a falla de vontade demostrada polo alcalde, Abel Caballero, de apoiar o Plan de Transporte Metropolitano da Área ao tempo que o acusou de buscar escusas para entorpecer a súa efectiva posta en funcionamento, unha táctica que lle valeu para firmar o certificado de defunción da Área Metropolitana. Na súa opinión, a denuncia do Concello vén a confirmar que o rexedor “nunca quixo que o ente saíra adiante e non só por non cumprir o convenio, senón por denuncialo agora”.

López-Chaves, quen descartou a posibilidade de negociar un novo convenio xa que “non hai ánimo de cumprir o acordado coma o resto de concellos adheridos ao devandito Plan”, sinalou que a postura do alcalde supón de facto o seu veto á posta en marcha da Área Metropolitana, pois a incorporación de Vigo no Plan Transporte Metropolitano contémplase como condición previa. Unha actitude que, segundo dixo, prexudica gravemente os intereses dos vigueses, que terán que pagar “máis de 400 euros ao ano por transbordos que poderían ser gratuítos”. O delegado puxo como exemplo que un veciño que empregue o autobús urbano e interurbano deberá abonar dous billetes, mentres que se o Concello entrase no plan o transbordo sería gratuíto e só pagaría un.

O representante do Goberno galego na área territorial de Vigo lamentou que a urbe se quede descolgada do Plan de Transporte Metropolitano como a única cidade galega que lle dá as costas. Actualmente están en marcha as áreas de Transporte Metropolitano da Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo e están integrados no sistema 64 concellos.

Nesta mesma dirección, se preguntou polos convenios bilaterais anunciados polo alcalde e dos que nada se sabe ata o de agora. Segundo dixo, recentemente se reuniu coa primeira edil de Moaña e lle confirmou que non tivera noticias novas sobre o ofrecemento do alcalde vigués. Na súa opinión, queda claro que Caballero “enganou aos veciños e aos rexedores que o apoiaron ao non cumprir o convenio asinado”.

“O convenio non ten vixencia nin valor”, aseverou López-Chaves, para incidir en que os convenios fírmanse para cumprilos. Interpelado pola posibilidade de abrir unha vía de negociación, descartou toda posibilidade de entenderse cun alcalde que non só dá as costas a Área e o Plan de Transporte Metropolitano, senón que se opón a todos os grandes proxectos para a cidade. “Intentou bloquear a Cidade da Xustiza, non cedendo por máis de sete anos os terreos; manifestouse contra a posta en funcionamento do mellor hospital de Galicia; dilatou canto puido o convenio coa Zona Franca e a Universidade de Vigo para o arranque do Campus do Mar; e agora impídenos sinalizar o Camiño Portugués pola Costa o seu paso por Vigo”, aseverou.


Liña de autobús a Peinador

Ao respecto do autobús urbano entre o centro de Vigo e o aeroporto de Peinador López-Chaves insistiu, como xa fixera a pasada semana a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, en que a Xunta aínda agarda resposta á proposta de acordo trasladada o pasado verán ao Concello para, no marco do Plan de Transporte Metropolitano da Área de Vigo, pór en marcha unha liña pública e útil que facilite o acceso á terminal.

Desde o principio, o Goberno galego defendeu que esa liña de autobús urbano, e polo tanto de responsabilidade municipal, só resultará atractiva para os cidadáns se ofrece un tempo de viaxe e un prezo competitivos.

Desde ese convencemento, e fronte a aposta do Concello por un servizo de autobús cun billete máis caro que o resto de liñas urbanas, a Xunta presentou a proposta dunha liña que permitirse aos usuarios beneficiarse das vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano, tendo en conta que o Concello de Vigo asinara o convenio de integración no mesmo do seu transporte urbano.

O incumprimento por parte do Concello de Vigo do compromiso de adhesión ao Plan de Transporte Metropolitano, ademais de impedirlles aos veciños acceder a descontos de 400 euros ao ano nos seus desprazamentos cotiáns, impide a posta en marcha dun servizo de transporte público eficaz que reforce a competitividade do aeroporto de Peinador.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias