El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

NA SEMANA VERDE DE GALICIA

O porco celta presentará o seu logo de raza autóctona 100%

25-05-2017 14:18:33
Belén do Campo (c).

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, reuniuse con portavoces da Asociación de Criadores de Gando Porcino (Asoporcel) que lle adiantaron que o seu logo de raza autóctona 100% será presentado en Abanca Semana Verde de Galicia, nun acto que incluirá unha degustación de porco celta. Neste sentido, Belén do Campo comprometeuse a asistir á presentación así como a visitar unha explotación.

Con este logotipo búscase protexer as razas autóctonas, neste caso do porco celta, preservando o patrimonio xenético animal e o mantemento dos sistemas de cría extensivos, que maioritariamente se empregan para a súa explotación. Isto supón un beneficio para a sustentabilidade do medio rural e do medio ambiente e permite realzar e potenciar a calidade destas razas. Ademais, con este selo, facilítaselle ao consumidor máis información sobre o produto, á vez que para os produtores destas razas supón unha vantaxe comercial ao estaren todas elas catalogadas como razas en perigo de extinción.

A directora xeral explicoulles ao presidente de Asoporcel, José Barreira, e ao técnico da asociación Iván Rodríguez que xa se está tramitando a addenda pola que se modificará o convenio que teñen subscrito coa consellería e polo que perciben 85.000 euros anuais ata 2019. Grazas a esta modificación, os gastos subvencionables pasan a ser do 100%, como solicitaba o sector. A través deste acordo, a entidade desenvolve actividades de recuperación, conservación e fomento da raza porcina celta como as que desenvolverán en Silleda, onde está prevista unha degustación de carne. Asoporcel xa estivo presente tamén en Gandagro o pasado mes de xaneiro e en Xantar 2017, entre outras feiras e eventos.

A entidade actualizou con Belén do Campo os seus datos de asociados. Xa van 120 gandarías membro, das que 11 son deste mesmo ano, e hai máis en tramitación. Este feito demostra a boa marcha da raza autóctona, que vai na liña do resto do sector porcino na nosa comunidade, especialmente en canto aos volumes de produción e os prezos.


Recuperación do sector porcino

No porcino, en xeral, as expectativas de cara ao futuro son moi favorables xa que, segundo transmiten os propios gandeiros, está nun proceso de recuperación, cun aumento de vendas e prezos que se ven rexistrando dende hai tempo. Este cambio de situación está motivado pola demanda de países como China e outros países asiáticos que importan carne de Galicia.

Actualmente hai rexistradas en Galicia máis de 28000 granxas de gando porcino de reprodución e produción. Unha parte importante delas son de autoconsumo (ata cinco porcos de cebo), dada a gran tradición de matanzas que hai na nosa comunidade. Respecto ás explotacións industriais, existen unhas 1150, cun alto número de animais, máis de 1,2 millóns entre porcas reprodutoras, leitóns, animais de recría, de reposición e cebo, entre outros.


Porco celta

O porco celta é unha raza encadrada dentro das razas autóctonas de Galicia. No fomento desta raza desempeña un papel fundamental Asoporcel, asociación creada no ano 1999 para dar cabida aos criadores de porco celta. Nese ano outorgóuselle por parte da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria o recoñecemento oficial como entidade colaboradora na recuperación e fomento da citada raza.

Na actualidade, é a entidade oficialmente recoñecida pola Comunidade galega para a xestión do libro xenealóxico da raza porco celta. De acordo co decreto polo que se establece o catálogo oficial de razas gandeiras autóctonas de Galicia, regúlase o recoñecemento oficial das asociacións de criadores que creen ou xestionen libros xenealóxicos e apróbanse os programas para a súa conservación, mellora e fomento.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias