Os nenos do CEIP do Camiño Inglés
(Sigüeiro-Oroso) recibiron hoxe a visita dun ilustre peregrino: o lendario
xogador de baloncesto grego Nikos Galis, que iniciaba a súa derradeira etapa da
iniciativa “El Camino acaba en Obradoiro”. Unha visita na que estivo acompañado
pola concelleira de Ensino, Beatriz Rodeiro; o concelleiro de Turismo e
deputado provincial, Antonio Leira, e o director do CEIP do Camiño Inglés,
Francisco Ávila, á fronte de gran parte do profesorado do centro.
Galis desfrutou do encontro cos nenos e nenas de
Oroso antes de encarar a súa derradeira etapa do Camiño: Sigüeiro-Santiago de
Compostela. Antes de fotografarse cos pequenos/as e asinar numerosos
autógrafos, o ex-xogador foi entrevistado en inglés por dúas alumnas do CEIP do
Camiño Inglés, que se interesaron tanto pola súa traxectoria profesional como
polas súas experiencias destes días facendo o Camiño. Unha entrevista que será
emitida pola radio do centro escolar orosán.
Antonio Leira salientou “a calidade humana deste
campión, unha auténtica lenda do deporte que non só se ofreceu a promover o
Camiño Inglés,, senón que tivo o xesto de querer iniciar a última etapa dende o
CEIP do Camiño Inglés, unha actitude que é de agradecer”. Leira e Rodeiro
acompañaron a Nikos Galis e a toda a comitiva de “El Camino acaba en Obradoiro”
no seu último percorrido por Sigüeiro, de camiño a Compostela.
En primeiro lugar atravesaron o Paseo do
Carboeiro, acompañados tamén polo xornalista Cristóbal Ramírez, colaborador do
Concello de Oroso en materias relacionadas coa promoción do Camiño Inglés, que
lles foi narrando curiosidade e anécdotas tanto do Camiño como dos seus máis
ilustres peregrinos. Tras atravesar a rúa Camiño Real e a ponte de Sigüeiro, a
comitiva seguiu camiño a Santiago. Departamento de comunicación