El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A CORUÑA

O encontro Artes pola Integración chega este ano á Coruña

25-05-2017 17:22:11

A Coruña.- O encontro Artes pola Integración chega na súa sexta edición á Coruña cunha ampla programación multidisciplinar para favorecer a inclusión social a través da cultura. A danza, o teatro, a música e as artes visuais centrarán desde o día 8 ao 11 de xuño as novas propostas deste proxecto itinerante a prol da diversidade dirixido por Carlota Pérez e co que colabora a Consellería de Cultura e Educación por medio da Secretaría Xeral de Cultura e do Centro Coreográfico Galego da Agadic.

Durante a presentación do programa en rolda de prensa, que tivo lugar hoxe na librería Berbiriana, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou a importancia de ofrecer espazos para o diálogo e o intercambio entre artistas e persoas con diversidade funcional ou psicolóxica, que promovan a participación de toda a cidadanía na vida cultural e nos procesos de creación artística.

Con este obxectivo, Artes pola Integración desenvolverá diversas actuacións artísticas que comezarán o 8 de xuño, ás 20,00 horas, na Fundación Luís Seoane, co espectáculo Cerebro, artes, acción, que dirixen Carlota Pérez e Jeny Rahunen. A danza e o teatro tamén serán protagonistas do encontro cos espectáculos que ofrecerán as compañías Sen Vergoña, da USC, e Experimentadanza; os grupos A.C. Diversos e da A. Alexandre Bóveda, o colectivo El Brote e a Fundación Psico Ballet Mayte León.


Conferencias e obradoiros

O encontro deste ano tamén contará coa participación do director do MUSAC, Manuel Olveira, que impartirá a conferencia Ferramentas e enfoques para un museo aberto a toda a cidadanía. A práctica artística como lugar de intercambio, a cargo de Vicente Galaso e Ícaro Maitena, do Colectivo Lisarco; e A danza na universidade. Camiño e traxectoria a través do Espazo de Danza da USC, por Juan Carlos Zahera, director do Espazo de Danza da USC, son os outros relatorios que se inclúen no programa.

Ademais, o encontro ofrecerá un obradoiro de Dj,impartido por Pascal Kleiman; o obradoiro de danza-teatro para a inclusión Quebradas, a cargo do colectivo El Brote, e un obradoiro de artes plásticas impartido por Abel Barcenillas.


Intervencións artísticas en espazos urbanos

Tampouco faltarán intervencións en espazos da Cidade Vella, coas que Mamen Bazarra e Gimena Berenguer crearán en diversos muros en estado de abandono unha exposición a partir da pintura e da fotografía. Bazarra tamén dirixirá a realización dun mural colectivo na praza da Constitución, onde se debuxará un mandala con xiz sobre o chan co que simbolizar a importancia das prazas como lugar de conexión entre as persoas.

Finalmente, a proxección Arquitectura e resistencia, de Nicolás Combarro, Paulina Lara e da Asociación Debajo del Sombrero; a exposición fotográfica Conversas co Ágora, do artista Jacobo Ameneiro; a actuación de Gunsal H. Moreno (beGun), un dos produtores con maior proxección da escena electrónica barcelonesa, e unha sesión Dj a cargo de Pascal Kleiman completa a programación do VI Encontro Artes pola Integración.

A Xunta de Galicia, os concellos da Coruña e de Santiago de Compostela, a Fundación Emalcsa, a Fundación Luís Seoane, Gadisa e a Asociación Cultural para a Integración Social Diversos apoian a celebración da sexta edición do encontro, que se desenvolverá no Centro Cultural Ágora, no Castelo San Antón, no Teatro Rosalía de Castro, na Fundación Luís Seoane, no Centro Asistencial Padre Rubinos e na praza da Constitución.


Apoio aos proxectos de integración e visibilización social

O fomento da participación de persoas con discapacidade en actividades inclusivas de lecer educativo e o apoio institucional ás programacións culturais que fomenten a participación activa de todas as persoas, favorecendo o seu desenvolvemento creativo e expresivo a través da arte, son os obxectivos dos proxectos apoiados pola Consellería de Cultura e Educación para contribuír á transformación progresiva a favor da heteroxeneidade e do enriquecemento do conxunto da cidadanía galega, entre os que tamén se inclúen proxectos como En-Red-Arte, de Cogami, e o Festival Arte pola Igualdade.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias