El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Deportes

OURENSE

A Xunta presenta Sportur Galicia

26-05-2017 18:59:02
Presentado Sportur Galicia.

Ourense.- A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, presentaron hoxe na cidade das Burgas o I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’, unha iniciativa que “xunta dúas das áreas de maior importancia para Galicia como son o noso turismo e o noso deporte, dous ámbitos que tanto teñen que ver e compartir”. “As tanxencias de deporte e turismo son espazos que desde a Xunta de Galicia debemos explotar convenientemente para acadar o beneficio da nosa sociedade e dos nosos cidadáns”, engadiu.

Nesta liña, a máxima responsable do deporte en Galicia garantiu este beneficio xa que “o turismo e o deporte galegos son activos que xeran unha gran cantidade de factores positivos para a nosa comunidade”. Por unha banda, a actividade física “axúdanos a consolidar uns hábitos de vida saudables que afasten a posibilidade de enfermidades provocadas polo sedentarismo” e por outra, “o turismo é un dos principais baluartes do nosos sistema financeiro”.

O I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ terá, segundo a secretaria xeral, un dobre obxectivo que dará a coñecer Galicia “como destino activo e saudable, como unha terra que ofrece multitude de opcións para gozar do deporte e das actividades ao aire libre” e ademais, animará “a todo o mundo, e especialmente aos galegos e galegas, a practicar todas estas actividades”.

Na presentación que tivo lugar na Delegación Territorial de Ourense, Marta Míguez sinalou como mostra da íntima relación entre turismo e deporte accións como “o Camiño de Santiago, as experiencias de turismo BTT (bicicletas todo terreo), as competicións de golf, o Pantín Classic, o sendeirismo, os deportes acuáticos ou as carreiras populares”.

Nesta liña se manifestou tamén a directora de Turismo de Galicia quen recordou o potencial de Galicia no eido do turismo activo e do deporte, apuntando a que a combinación de ambos “enriquece a experiencia dos que nos visitan e axuda a coñecer de preto algunhas das paisaxes máis espectaculares do noso destino”, explicou.

Neste sentido, Nava Castro fixo referencia á aposta polo turismo activo do seu departamento incluída na Estratexia do Turismo 2020 que identifica a natureza como unha das fortalezas do noso destino, sendo a primeira razón pola que nos visitan. Tamén se referiu a que a boa imaxe da paisaxe e natureza precisa tamén de iniciativas turísticas e produtos especializados. “Nesta liña estamos traballando, porque o desenvolvemento desta oferta é o que nos permite complementar o turismo en espazo rural e atraer a gran demanda de rutas por sendeiros, montaña, aventura e outras modalidades de turismo activo”, explicou.


I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’

Sportur Galicia dotará a Expourense os días 17, 18 e 19 de novembro dunha gran mostra do turismo activo e do deporte existente en Galicia. Esta escolma estará configurada polas iniciativas presentadas por concellos e outras entidades; as ofertas das empresas de equipamentos para o deporte e a aventura e das empresas especializadas na venda de paquetes turísticos que inclúan actividades deportivas; as actividades promovidas polas asociacións e federacións deportivas de Galicia; seminarios e charlas especializadas en preparación física, prevención de lesións, nutrición ou xestión de infraestruturas; a presentación dos destinos turísticos participantes; exhibicións deportivas e accións de networking entre empresas e potenciais compradores.

Cómpre destacar que o I Salón do Deporte e do Turismo Activo ‘Sportur Galicia’ coincidirá coa celebración na cidade de Ourense da Carreira Popular de San Martiño.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias