El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

GALICIA | OPOSICIÓNS

O 30% das inscricións ás oposicións de Educación realizáronse en liña

28-05-2017 12:26:50

O 30% dos inscritos nas oposicións de Educación optaron pola vía telemática. O prazo para inscribirse nestes procesos selectivos para o ingreso nos diferentes corpos docentes convocados pola Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria rematou o pasado 9 de maio, segundo o recollido no DOG do 17 do abril de 2017. 

Ao longo do período de inscrición, 14.449 participantes rexistraron a súa instancia no sistema de xestión de oposicións proporcionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Este ano por primeira vez as persoas interesadas puideron rematar o trámite de inscrición dun xeito totalmente telemático, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Ata 4390 participantes optaron por esta canle para completar a inscrición empregando Chave 365 ou o certificado dixital. Adicionalmente, preto de dúas mil instancias foron dixitalizadas nos rexistros da Xunta de Galicia, o que dá unha cifra de seis mil inscricións que serán xestionadas de xeito telemático, o que redundará nunha maior axilidade na tramitación. Nas sucesivas fases da convocatoria calquera participante poderá, empregando Chave 365 ou certificado dixital, consultar o estado do seu expediente persoal accedendo á sede electrónica. Ademais da comodidade e seguridade de uso da sede electrónica, outra vantaxe salientable é a posibilidade de facer trámites as 24 horas do día, e de feito neste procedemento a derradeira inscrición completouse só a cinco segundos do remate do prazo.


Administración electrónica

A sede electrónica da Xunta entrou en funcionamento en 2010 e o pasado ano rexistrou máis de 89.000 xestións en liña. Actualmente están dispoñibles electronicamente preto do 94% dos procedementos que a Administración galega ofrece á cidadanía. 

Para simplificar o seu acceso, o pasado ano habilitouse o acceso á sede co Servizo Chave 365, que substitúe o uso de certificados electrónicos por un sistema de claves concertadas no móbil e que conta con 13.700 usuarios do sistema rexistrados desde a súa posta en marcha. Ademais, vén de habilitarse a presentación telemática de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñen dun modelo electrónico normalizado e o pasado mes de xaneiro activouse o servizo de emisión de certificados a través da sede electrónica, que xa permite obter o título de familia numerosa e o certificado de discapacidade sen necesidade de desprazarse ata as unidades administrativas correspondentes. 

Estas iniciativas inscríbense no Plan de administración e gobernos dixitais 2020, que a Xunta puxo en marcha en 2015 para acadar unha Administración accesible, áxil nas respostas, con capacidade para anticiparse ás necesidades da sociedade e eficiente no uso dos recursos públicos que ofrece.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias