El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

UNIVERSIDADE

Xunta e UDC pecharon un acordo para cumprir a sentenza ao financiamento

07-06-2017 21:01:04

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta e a Universidade da Coruña veñen de chegar a un acordo para cumprir coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o reparto de fondos do Plan de Financiamento anterior. Cómpre lembrar que a sentenza se circunscribe a unha discrepancia na interpretación dun parágrafo do plan correspondente ao período 2011-2015, e que non afecta ao actualmente vixente.

Para executar a sentenza a Xunta de Galicia e a Universidade da Coruña están de acordo en distribuír en partes iguais ao longo de tres exercicios o abono da cantidade global pactada, un total de 4,2 millóns de euros, que procederá de fondos autonómicos alleos ao Plan vixente.

O conselleiro quixo aclarar que este ingreso adicional de fondos á UDC non afectará ás cantidades do vixente Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia nin prexudicará ás universidades de Santiago de Compostela e de Vigo, xa que se trata dunha partida diferente que se destinará a dar cumprimento á aplicación da devandita sentenza.


Interpretación 

Román Rodríguez explicou ademais que a sentenza só recoñeceu en parte o recurso da Universidade da Coruña, de tal forma que o propio fallo establece as principios para o novo cálculo, recoñecendo parte dos argumentos e valoracións expostos tanto polo demandante como pola Xunta. Polo tanto, non se produciu un incumprimento do Plan anterior, nin cuestiona o modelo de financiamento acordado pola Xunta e as tres universidades e ratificado nun plan con vixencia entre 2011 e 2015.

De feito, a sentenza circunscríbese a diferenzas de interpretación ou errores de aplicación” no cálculo da cantidade fixa e variable correspondente ao reparto de fondos estruturais en base a criterios históricos acordados pola Xunta e as universidades no Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para quinquenio 2011-2015. Cómpre lembrar que a forma de aplicación efectiva das fórmulas de financiamento foi aceptada na Comisión de Seguimento do Plan por 3 das 4 partes integrantes (todas agás a UDC).

Asemade o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que, cando se tivo coñecemento da sentenza, logo da correspondente análise, a Consellería optou por renunciar á posibilidade de recurso e negociar coa Universidade da Coruña a procura dunha solución que permitise a execución da mesma, respectando as indicacións do propio tribunal.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias