El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

COMEZA O SÁBADO

A ruta "Descubrindo A Coruña" súmase á oferta de trens turísticos de Galicia

08-06-2017 18:42:56
Ovidio Rodeiro e Javier Díaz Trisac.

A Coruña.- A ruta Descubrindo A Coruña é unha das principais novidades da tempada 2017 dos Trens Turísticos de Galicia de Renfe, que arrinca este sábado coa Ruta dos Faros. Esta iniciativa, creada para fomentar o turismo de calidade, sustentable e tranquilo en Galicia, ponse novamente en marcha grazas á colaboración de Renfe con Turismo da Xunta de Galicia e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). A iniciativa foi presentada hoxe nas dependencias da Xunta de Galicia na Coruña nunha rolda de prensa na que participaron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o xerente de Área Comercial e Servizo de Atención ao Cliente de Renfe, Javier Díaz Trisac.

Este itinerario presentado hoxe terá dúas saídas que serán postas á venda nos vindeiros días: unha o 30 de setembro e a seguinte o 14 de outubro. Os visitantes que o desexen poderán desprazarse desde Vigo ou desde Ourense en tren regular sen custo adicional ata Santiago de Compostela, de onde partirá o tren turístico que realizará a ruta. Unha vez na Coruña, os viaxeiros comezan o percorrido polo Paseo Marítimo e realizan unha visita á Torre de Hércules con posterior paseo pola Cidade Vella. Despois haberá tempo de lecer para a comida e a continuación desprazaranse ata o Monte de San Pedro, onde se poden contemplar as espectaculares vistas da cidade. A xornada finalizará nas instalacións de Termaria-Casa da auga, onde se poderá gozar das súas instalacións de talasoterapia.


Oferta en aumento

Os Trens Turísticos de Galicia empezaron a súa andaina en 2013, e ano a ano van aumentando os seus percorridos. Dos dous itinerarios do seu inicio pasouse a 11 na tempada actual, distribuídos polas catro provincias galegas e nos que se pode viaxar desde o 10 xuño ata o 28 de outubro. Ademais da ruta Descubrindo A Coruña, Renfe ofrece a Ruta dos Faros, que desenvolve parte do seu percorrido pola provincia. Contará con 16 saídas e é unha das máis solicitadas, xa que o ano pasado alcanzou practicamente o 100 por 100 da súa ocupación.

Esta ruta comeza o seu percorrido desde a estación de Ferrol con destino a Ponte Mera para visitar Cabo-Ortegal e as vistas da Serra da Capelada. Posteriormente chégase a Vixía Herbeira e ao Santuario de San Andrés de Teixido coa súa gran beleza natural, para desprazarse despois ata o Faro de Estaca de Bares e gozar de tempo libre para a comida en O Barqueiro. Desde alí chégase a Ribadeo para ver o Faro de Illa Pancha e a Praia das Catedrais.

Outros percorridos da oferta dos Trens Turísticos de Galicia, como son a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos, a Ruta do Viño Rías Baixas, a Ruta Lugo Romano ou a nova Ruta Ourense Termal e de Compras, poderanse iniciar tamén desde a cidade da Coruña. Os Trens Turísticos de Galicia realizarán 56 saídas regulares en total durante durante esta campaña. Pódese obter máis información ou mesmo facer as reservas no teléfono 902 555 902 ou en http://www.renfe.com/trenesturisticos.


Proxecto pioneiro

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou que este foi un proxecto turístico pioneiro que se iniciou no ano 2013 e que grazas á cooperación institucional entre Renfe e Turismo de Galicia. “Cinco anos despois o programa dos trens turísticos de Galicia é un exemplo para a posta en valor dos recursos e os produtos turísticos do noso territorio”, sinalou. Tamén mencionou á Deputación de Ourense, que “tivo o acerto de sumarse a este proxecto desde o primeiro momento”.

Ovidio Rodeiro puxo de manifesto o éxito dos trens turísticos de Galicia cos seus datos de ocupación. “Durante o ano 2016 alcanzaron un 88,30% de ocupación de xuño a setembro recibindo a viaxeiros de 19 nacionalidades distintas”. Así mesmo, destacou o grao de satisfacción dos usuarios os cales dan unha valoración global do produto de 8,4 puntos sobre 10. “E algo moi importante, o 97,7% dos viaxeiros recomendarían o produto”, concluíu. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias