El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

Medio Ambiente participa en oito proxectos europeos

14-06-2017 22:48:00

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio sitúase á vangarda europea no desenvolvemento de proxectos, coa participación en oito iniciativas que suman un importe de máis de 17 millóns de euros.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, presentou hoxe os proxectos que contarán con fondos europeos que buscan mellorar a conservación dos hábitats, investigar os efectos do cambio climático e mellorar os sistemas de valorización dos residuos.

Indicou que o departamento que dirixe sitúase como xefe de filas e principal beneficiario de tres programas que suman máis de sete millóns de euros (Migra Miño-Minho, Gerês-Xurés e Mar-RISK), mentres que nos outros participa como socio, xunto con outras entidades.

Un dos proxectos máis destacados é o Mar-RISK, no que a Xunta é xefa de filas e tamén é o de maior orzamento, con preto de tres millóns de euros. Grazas a esta iniciativa, Galicia poderá profundizar no coñecemento da evolución do clima costeiro na zona Galicia-Norte de Portugal, habilitando sistemas de monitoraxe e vixilancia desta evolución, cos que se asegurará un crecemento intelixente e sustentable das zonas do litoral mediante a avaliación dos riscos costeiros máis importantes nun escenario de cambio climático.

A información que se recompile porase á disposición das administracións públicas, do tecido produtivo e da sociedade en xeral, como ferramentas de apoio para a toma de decisións. Tal e como explicou a conselleira, crearanse servizos climáticos e instrumentos de seguimento e apoio para mellorar a resposta a eventos de asolagamento costeiros, avaliar a seguridade de infraestruturas portuarias ou mellorar a xestión dos recursos naturais e enerxéticos da rexión.

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural é a principal beneficiaria doutros dous grandes proxectos, como son o Gerês-Xurés e o Migra Miño-Minho. O primeiro deles é unha iniciativa para a dinamización conxunta da Reserva da Biosfera Transfronteiriza e conta cun orzamento de case dous millóns de euros para desenvolver ata o ano 2019. O seu principal obxectivo é fortalecer a entidade e identidade desta mediante o fomento da participación activa dos actores do territorio, a promoción do seu desenvolvemento económico e turístico sustentable e a protección e conservación do seu patrimonio natural e cultural.

Beatriz Mato aclarou que se levarán a cabo catro grandes actividades para cada público diferenciado, polo que unha primeira acción está orientada aos habitantes da reserva e presenta un dobre obxectivo: a sensibilización da poboación sobre os valores naturais e culturais da reserva, e a súa capacitación para impulsar actividades económicas sustentables, contribuíndo a fixar e rexuvenecer a poboación. A segunda das actividades está pensada para os visitantes, para situar esta reserva a nivel nacional e internacional como destino de turismo de natureza sustentable e de calidade; mentres que a terceira diríxese aos escolares para darlles a coñecer o espazo. Engadiu que as actividades anteriores non serían posibles sen promover actividades dirixidas aos xestores da reserva (o cuarto obxectivo), proporcionándolles instrumentos apropiados para apoiar os traballos de conservación da biodiversidade.


Primeiro proxecto de conservación con actuacións para o Miño

A conselleira de Medio Ambiente destacou que por primeira vez se aborda un proxecto de conservación no Miño con actuacións no terreo, xa que moitas actuacións anteriores se centraron fundamentalmente nos estudos da zona, co fin de mellorar o estado de conservación do hábitat fluvial da conca do río Miño no seu tramo internacional a partir dun plan de intervención conxunto.

Así, mellorarase a mobilidade dos peixes fluviais no río grazas á eliminación e permeabilización de obstáculos e á instalación de dispositivos innovadores de franqueo; que tamén mellorarán o estado de conservación de especies emblemáticas da conca, como o salmón e a anguía.

Migra Miño-Minho é un proxecto de cooperación transfronteiriza no que están implicados catro entidades portuguesas e tres galegas, que se desenvolverá ata o ano 2019 e que implica un investimento de máis de dous millóns de euros.


Valorización de residuos

Mato Otero indicou que outra das liñas de actuación que contará con fondos europeos será un proxecto para a valorización de residuos orgánicos, no que participan sete socios e que está liderado pola Universidade do Minho, sendo Sogama cobeneficiaria.

É unha iniciativa ligada á economía circular e o seu principal obxectivo é diminuír o negativo impacto dos refugallos sobre o medio ambiente na rexión transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal. Para acadar dito reto, transformaranse os residuos orgánicos en materia prima para a elaboración de fertilizantes biolóxicos de alta calidade e o tratamento de solos contaminados, e para outros usos vinculados á cosmética e accións terapéuticas.

Desta forma, preténdese xerar produtos de gran valor engadido que poden abrir a porta a novas áreas de negocio e emprego, salientou a conselleira, que engadiu que Sogama achegará a súa experiencia no ámbito do seu programa de compostaxe doméstica, ao que se atopan adheridos ao redor de 140 concellos, e con cargo ao que distribuíu uns 7000 compostadores.


Socia en catro proxectos

Por último, a conselleira recordou que a Xunta de Galicia tamén participará como socia noutros catro proxectos, que suman 8,5 millóns de euros, e que estará guiado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e o Instituto de Estudos do Territorio.

Recentemente ratificouse a axuda para MyCoast, un proxecto que ten por finalidade integrar diferentes observatorios oceánicos costeiros na rexión de cooperación, promovendo a cooperación entre os sistemas de observación e prognóstico e os usuarios finais das ferramentas, co fin de mellorar a capacidade de enfrontarse aos riscos costeiros na rexión atlántica.

Xunto coas comunidades de Castela e León e Murcia, desenvolverase o proxecto LIFE Forest, que busca o fomento dos sistemas forestais e a xestión forestal sustentable como unha ferramenta para a mitigación do cambio climático. O importe global desta iniciativa é de 2,3 millóns de euros.

O terceiro dos proxectos nos que a Xunta actúa como socio é LIFETEC, que promove a integración de medidas para a protección da biodiversidade nos plans de xestión forestal e na conservación de espazos salvaxes, grazas á minimización do impacto dos lumes e á detección temperá. Mato Otero sinalou que unha resposta rápida leva a unha menor área queimada, menores emisións de gases de efecto invernadoiro e menor impacto sobre a biodiversidade. Neste proxecto investiranse 1,2 millóns de euros.

O Instituto de Estudos do Territorio será o socio de Xeopard, unha iniciativa que mellorará a información sobre o patrimonio cultural da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e no que se investirán preto de dous millóns de euros.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias